A corrosión das ancoraxes, posible causa da caída do beiril dun edificio da Coruña
O arquitecto da obra apunta que na última reparación do edificio esqueceron revisar as anclaxes
Hoxe comezaron a retirar os cascallos, que impiden a entrada e saída do garaxe de dous edificios
Nos ferros que quedaron á vista está a posible proba.
"Vese perfectamente que está suxeito por dous tirantes, dúas barras metálicas que eran a anclaxe e o achegarse a imaxe, vese que están oxidadas. Unha pena",
Cóntao o arquitecto que fixo a obra, hai algo máis de catro décadas.
"Isto é coma a ITV dos coches, que teñen que pasala cada certos anos pero nos edificios non temos ese costume. Aquí fíxose unha enteira do edificio nos últimos anos, que eu vin como revisaban todo pero deberon esquecer a zona dos anclaxes a marquesina porque ao caer vese que están oxidados e despois de tantos anos sen mantemento, non tiña que pasar pero pasou", explica José Antonio Franco, arquitecto da obra.
"A fachada vese que está nova, repasaron os ferros pero non sei que pasou", engade o presidente da comunidade de veciños.
Certo que fixeran unha reparación completa hai pouco tempo. Un perito contratado pola propia comunidade de veciños estuda esa posible corrosión dos ferros, antes de que a maquinaria comece a retirada dos cascallos.
"Queren baleirar porque temos coches no garaxe e o Concello obriga a retirar os cascallos porque ocupan a vía pública", engade o presidente da comunidade.
Apuntalado o baixo, comeza o petardeo do taladro. Hai moito que retirar.
"É moitísimo peso, son toneladas e a sorte de que non pasou ninguén nin saiu un coche senón había unha desgraza", comenta outro veciño da zona.
E despois que?
"Eso non é parte do edificio. É unha marquesina que se puxo para protexer a entrada do garaxe da chuvia. Eu quitaría e fóra", propón o arquitecto.
Sería o final dun beiril que foi acubillo e paraugas dos veciños durante máis de corenta anos.