Derrúbase o beiril dun inmoble da Coruña sobre unha beirarrúa e deixa bloqueado o garaxe
A derruba deixou a veciñanza coa alma no fío
O colapso do beiril "debeuse a un fallo derivado dunha patoloxía construtiva do propio edificio"
"Primeiro escoitouse como un ruído e ninguén lle deu importancia. Pero cando caeu...".
"Moveuse o salón. Eu crin que era un terremoto. Eu sentín un golpe moi forte e asomeime á ventá. Pero non vin nada".
Foi xa pola mañá cando María José soubo o que acontecera. Ela e mais os seus veciños dos portais 9 e 11 da rúa Casares Quiroga seguen sen dar creto.
"Cando me din pola mañá que caeu o beiril, case me dá un ataque". "Eu tardei bastente tempo en reaccionar porque isto non é nin medio normal".
A derruba obrigou os bombeiros a desprazarse rapidamente á zona. E, segundo consta no seu parte, o colapso do beiril "debeuse a un fallo derivado dunha patoloxía construtiva do propio edificio".
"É que a construción deste edificio foi como un experimento, creo eu, porque facer ese beiril sen soporte... É moita mole. Ten 44 anos o edificio".
Á espera de que se leven a cabo as medidas técnicas e construtivas pertinentes, a zona permanece precintada. Agora, os residentes teñen que acceder ás súas vivendas pola parte de atrás do inmoble e non poderán facer uso, polo momento, do garaxe. Con todo, din que isto son males menores porque, de ser a outra hora, podería acontecer unha desgraza.