Un pastor alemán mata outro can e deixa ferida a propietaria en Ourense
O animal, que trabou na man a muller, xa protagonizara outros ataques
O dono do can agresor presentaba síntomas de embriaguez e tíñao solto
Un pastor alemán matou un cadelo de pequenas dimensións e deixou ferida a propietaria deste. A muller recibiu varias trabadas cando tentaba separar os animais. O seu can, de pequeno tamaño, morreu case no acto pola virulencia do ataque.
Moi afectada polo acontecido, di que a culpa non foi do pastor alemán, senón do seu propietario, que non se preocupou de levalo con bozo e correa e que mesmo tentou que non avisara a Policía Local.
A situación aínda se volveu máis enrevesada cando o dono do pastor alemán tentou coller o coche para ir pola documentación do animal. Nese intre, os axentes comprobaron que o home triplicaba a taxa de alcol permitida para conducir.
O pastor alemán segue en posesión dos seus donos e este xoves seguía paseando polo barrio da Ponte. Mentres, Loli pide que lle sexa retirado porque, asegura, non é a primeira vez que ataca outros cans e o seu comportamento non é o habitual nesa raza canina.