Publicador de contidos

Publicador de contidos

Monta unha empresa de reciclaxe con máis de 45 anos e xa factura 2,5 millóns

Monta unha empresa de reciclaxe con máis de 45 anos e xa factura 2,5 millóns

Un ribeirense apostou polo reciclado e venda de palés e a súa empresa non deixa de medrar

G24.gal 05/07/2025 15:12

Juan entrou no mundo laboral traballando co seu pai nun negocio de distribución de bebidas e despois foi camioneiro. Pero este ribeirense, que hoxe ten 60 anos, viu aos 45 a oportunidade de emprender.

"Todo se movía en palés e aquí na nosa zona non había ningúen que se ocupase dese tema", explica Juan José Pérez Torrado, propietario de Servipal Reciclaxes.

Así foi como se puxo a recoller palés que outras empresas desbotaban, arranxalos e vendelos a quen os precisaba.

"Cando empecei dábanolos todo o mundo. Agora aprenderon ben do negocio e todo o mundo quere cartos por eles", puntualiza Juan.

O negocio arrincou con dous empregados, hoxe son 26, e en tres lustros pasaron de facturar 90.000 euros anuais a dous millóns e medio. O 90% da madeira que usan é reciclada.

"Dun palé non se tira nada. O que vale úsase noutro palé o que non vale vai para a Finsa e faise taboleiro aglomerado. Igual así evítase cortar 50 ou 60 mil toneladas de madeira no monte", conta o propietario de Servipal Reciclaxes.

A empresa conta actualmente con catro naves, nunha tamén recicla plástico, pero xa está necesitando máis espazo e teme ter que marchar do Barbanza porque non atopa chan industrial. 

"No Barbanza non hai naves industriais á venda e non as podes facer por falta de terreo" , afirma o empresario.

Na Asociación de Empresarios de Ribeira urxen a que se faga realidade o proxecto dun novo polígono industrial.

 "Un proxecto que xa está pechado e que xa ten unha demanda de 120 mil metros e que estamos pendentes de que se execute", puntualiza o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude.

Aseguran que varios empresarios se atoparon co mesmo problema que Juan e tiveron que marchar para poder seguir medrando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade