A reciclaxe de medicamentos segue aumentando en Galicia
Cada galego deposita unha media de 115 gramos anuais nos 1.400 puntos de recollida que hai nas farmacias
A reciclaxe de medicamentos aumentou en Galicia en 2024 preto dun 2,7 % con respecto ao ano anterior. Son datos do Sistema Integral de Xestión de Residuos, creado a iniciativa da industria farmacéutica para xestionar correctamente as medicinas fóra de uso co fin de que non contaminen o medio natural.
"Cada ano nótase que hai máis xente concienciada co medio ambiente e con ter que reciclar todos os produtos que ten na casa. Fan limpeza porque hai moito produto caducado ou ben porque o paciente en cuestión finou", sinala a farmacéutica Carmen Lagares.
Agora, son xa tres de cada catro os fogares que reciclan os medicamentos no noso país. No último exercicio, cada galego depositou nos puntos correspondentes preto de 116 gramos de medicinas, unha cantidade que supera en dez gramos a media estatal. Na mesma liña, os envases de medicamentos reduciron o seu peso nun 25 por cento no que vai de século.