Publicador de contidos

Publicador de contidos

A reciclaxe de medicamentos segue aumentando en Galicia

A reciclaxe de medicamentos segue aumentando en Galicia

Cada galego deposita unha media de 115 gramos anuais nos 1.400 puntos de recollida

Caixas de medicamentos co distintivo correspondente á súa reciclaxe
Félix Aragunde Imaxe: Jose Lamas. 14/06/2025 13:30 Última actualización 13/06/2025 23:38

reciclaxe de medicamentos aumentou en Galicia en 2024 preto dun 2,7 % con respecto ao ano anterior. Son datos do Sistema Integral de Xestión de Residuos, creado a iniciativa da industria farmacéutica para xestionar correctamente as medicinas fóra de uso co fin de que non contaminen o medio natural.

"Cada ano nótase que hai máis xente concienciada co medio ambiente e con ter que reciclar todos os produtos que ten na casa. Fan limpeza porque hai moito produto caducado ou ben porque o paciente en cuestión finou", sinala a farmacéutica Carmen Lagares. 

"Todo o mundo sabe que temos na farmacia o punto onde se reciclan tanto os medicamentos caducados como os que xa non utilizamos na casa. É algo que contamina moito, polo que os traemos a aquí, onde son recollidos polo almacén de distribución para mandalos á planta de reciclaxe", engade a tamén farmacéutica Pamela Díaz Puente. 

Agora, son xa tres de cada catro os fogares que reciclan os medicamentos no noso país. No último exercicio, cada galego depositou nos puntos correspondentes preto de 116 gramos de medicinas, unha cantidade que supera en dez gramos a media estatal. Na mesma liña, os envases de medicamentos reduciron o seu peso nun 25 por cento no que vai de século.

"Reducíronse bastante, en xeral, o que fai que nos ocupe menos sitio na farmacia e nas casas. Ao final, ao seren os envases máis pequenos, imos ter menos material contaminante", subliña Díaz Puente.

No conxunto de Galicia hai preto de 1.400 farmacias. Cada unha delas conta cun punto de reciclaxe, que non serve só para as medicinas, senón tamén para os envases.

"Iso a xente non o ten moi claro, como si sabe que ten que reciclar o demais. Os envases baleiros ou os 'blísters' que veñen dentro non os adoitan traer. Poucas persoas o saben, pero a maior parte da xente descoñéceo, e por iso non nolo traen. Moita xente tírao ao colecto amarelo, pensando que é alí onde debe tiralo", láiase Lagares. 

Grazas a estes puntos de recollida, a día de hoxe conseguíronse reciclar dous terzos dos envases depositados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade