Cae o consumo de chocolate, que encareceu case un 20 % no último ano
En España o consumo caeu un 4 %
As malas colleitas provocaron que o cacao triplicase o seu prezo nos mercados internacionais
"Eu compraba diariamente e xa deixei de mercar pola suba de prezo", conta un rapaz.
O chocolate está vivindo horas baixas e é que sobre el desatouse a tormenta perfecta. A invasión de Ucraína provocou unha suba desmesurada de prezo de fertilizantes e insecticidas. Países como Ghana e Costa do Marfil, que producen o 65 % do cacao mundial, deixaron de utilizalos nas plantacións que quedaron minguadas polo ataque dun fungo, o da vaíña negra.
E por se non fose de abondo o fenómeno de El Niño disparou as temperaturas e secou os campos de cultivo. Todo iso provocou unha escalada nunca vista do prezo do cacao nos mercados internacionais
"Por exemplo, a tonelada que estaba a 2.500, 3.000 dólares, nestes momentos está a 6.000 dólares, pero no 2024 a poñerse entre 10.000 e 11.000 dólares", explica Aurelio Fernández, propietario de Chocolate Expréss.
Esta suba da materia prima afectou directamente a industria chocolateira mundial e notouse moito en España, un dos grandes produtores e exportadores de chocolate.
"Un palé de cacao, que son 1.000 quilos, pasou de 3.000 euros a 14.000 euros, entón iso está repercutindo no produto final", continúa o empresario.
O chocolate encareceu este último ano case un 20 %, o que está provocando unha caída no consumo.
"Está caro, si, subiu de prezo".
"Está carísimo, carísimo", apuntan dúas mulleres.
"Hai un ano e medio estaría a tableta en 3,25, nestes momentos está 6,40, 6,50", informa Aurelio Fernández.
Con eses prezos aumenta a facturación das empresas, pero é unha noticia trampa porque provoca unha caída do consumo, que en España se cifra xa nun 4 %.