O bono turístico da Xunta poderase desfrutar desde este luns ata o 25 de decembro
En total descargáronse 16.666 bonos que supoñen unha inxección no sector de 2,5 millóns de euros
Cada bono é de 150 euros, dos cales a Xunta financia o 40%
Na actualidade están adheridos 495 establecementos turísticos das catro provincias

Este luns, 15 de setembro, ábrese o prazo para desfrutar o bono turístico impulsado pola Xunta. En total, os usuarios descargaron 16.666 bonos que supoñen unha inxección ao sector de 2,5 millóns de euros, deles Turismo de Galicia financia 1 millón de euros. Cada persoa puido acceder a un máximo de dous bonos, cada un dun importe de 150 euros, cofinanciados nun 40% pola Xunta e nun 60% polas persoas solicitantes.
Para desfrutar estes bonos, na actualidade están adheridos 495 establecementos das catro provincias: 194 na Coruña, 91 en Lugo, 63 en Ourense e 147 en Pontevedra.
O prazo para que os establecementos continúen sumándose a este produto cofinanciado remata o 1 de decembro deste ano. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade.
Desde Turismo de Galicia, di a Xunta que se animará, mediante accións promocionais, a que os usuarios do bono o invistan en establecementos de concellos afectados polo lume, nun intento de reactivar a actividade turística destas zonas.
Con esta iniciativa que xurdiu en 2020, a Xunta pretende fomentar a desestacionalización e desconcentración do destino Galicia, favorecendo a visita en épocas fóra da tempada alta.
Desde que se puxo en marcha este programa activáronse máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5 millóns no sector turístico galego. Deles, 2,5 millóns foron só en 2024, cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.