Obteñen de esponxas mariñas compostos que alongan a vida de órganos e tecidos
A descuberta pode facilitar os transplantes e previr os danos por trombos
O achado é obra de investigadores das universidades de Santiago e da Coruña
As esponxas mariñas teñen un 30 ou 40 % de biomasa de bacterias, o que implica unha riqueza química moi grande. Investigadores da universidade de Santiago e da Coruña desenvolveron e patentaron a partir delas compostos que alongan a vida de órganos e tecidos.
"Se falamos de transplantes de órganos, isto alongaría a vida do órgano ata 18 horas. É unha marxe moi grande porque agora é de catro horas", subliña o profesor de Farmacoloxía da USC Luís Botana.
A descuberta favorece os transplantes pero pode ter aínda un efecto máis amplo na prevención de danos por enfermidades que cursan con trombos.
"Cando se produce un trombo o tecido deixa de estar regado por osíxeno e nese momento os fármacos empezarían a actuar. Por tanto, calquera persoa con risco de trombos é susceptible de ser tratada con estes compostos", puntualiza Luis Botana.
Para facer realidade este avance científico, quedan dous pasos lentos e, sobre todo, caros.
"Estudar a toxicidade, o que supón cinco millóns de euros de media; e converter o composto en medicamento, e aquí xa falamos de mil, mil cincocentos ou dous mil millóns de euros", explica o profesor Botana.
Luis Botana salienta que precisan o financiamento de farmacéuticas que aposten pola investigación.
"Intentaron comprarnos a patente, pero para afastala e metela nun caixón porque o que lles interesa é que non xere unha competencia co que xa teñen", lamenta este profesor de Farmacoloxía.
Con cartos, vontade e sen contratempos o achado poderíase converterse en medicamento en entre tres e cinco anos.