Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novos fósiles atopados en Marrocos confirman a orixe africana dos humanos

Novos fósiles atopados en Marrocos confirman a orixe africana dos humanos

Reforzan a teoría de que o homínido que fixo de nexo entre neandertais e sapiens procede de África

EFE/Programa Prehistoria de Casablanca EFE/Programa Prehistoria de Casablanca
G24.gal 07/01/2026 21:53 Última actualización 07/01/2026 22:06

A orixe africana do Homo sapiens está hoxe máis apoiada grazas á descrición e datación de restos fósiles achados nun xacemento de Casablanca (Marrocos).

Os científicos cren que o último antepasado común entre os humanos modernos, os neandertais e os homínidos de Denísova (así chamados polas covas de Siberia onde se atoparon) viviu hai entre 765.000 e 550.000 anos. A pregunta por responder é onde habitou.

Descubrimentos como o Homo antecessor na serra de Atapuerca (Burgos), datado hai 800.000 anos, apuntaban a que este vínculo ancestral se producira en Europa.

Porén, os fósiles marroquís descritos este mércores na revista Nature reforzan a teoría de que o homínido que fixo de nexo entre neandertais e sapiens procede de África.

Os restos descritos son unha mandíbula adulta case completa, unha segunda metade de mandíbula adulta, unha mandíbula infantil, numerosos dentes e vértebras.

Todos eles foron desenterrados en 2008 nunha cova coñecida como Grotte à Hominidés, no xacemento Thomas Quarry I de Casablanca.

O territorio que rodea esta cidade marroquí contou coas condicións ideais ao longo de miles de anos para a conservación de fósiles e restos arqueolóxicos do Pleistoceno.

EFE/ Ministerio de Cultura de Marrocos EFE/ Ministerio de Cultura de Marrocos

Novas tecnoloxías para a datación fósil

Os investigadores estudaron, mediante unha tecnoloxía moderna denominada datación magnetoestratigráfica de alta resolución, tanto os restos fósiles como os sedimentos circundantes, concluíndo que corresponden a hai uns 773.000 anos, explica un dos autores, Asier Gómez, investigador da Universidade do País Vasco.

Gómez formou parte do amplo equipo internacional e multidisciplinar encargado de describir os restos. En concreto, estudou as vértebras cervicais e torácicas atopadas, e comparounas con outras pezas similares de homínidos estudadas previamente.

A clave, segundo detalla, é que os fósiles de Casablanca son morfoloxicamente diferentes do Homo antecessor atopado en Atapuerca, o que implica a existencia dunha diferenciación rexional entre Europa e o norte de África desde finais do Pleistoceno temperán (hai entre 1,8 millóns e 780.000 anos).

Os restos de Casablanca amosan unha mestura de trazos antigos, observados en especies como o Homo erectus, e doutros modernos, que se atopan no Homo sapiens e nos neandertais.

Isto indica que corresponden ao período no que as liñaxes humanas euroasiáticas e africanas comezaron a diferenciarse a finais do Pleistoceno temperán.

Gómez subliña que o achado coñecido este mércores “axuda a entender mellor como foi o antepasado común entre o neandertal e o sapiens, e a subliñar a división existente entre uns e outros, que debeu producirse hai máis de 800.000 anos”.

O investigador da área de Xeoloxía da Universidade do País Vasco incide en que a descrición tan precisa que lograron dos restos foi posible non só grazas ás novas tecnoloxías, senón ao carácter multidisciplinar da investigación, que incluíu expertos en numerosas áreas científicas, algo “fundamental para entender a evolución humana”.

Enche un baleiro clave

O achado foi ben recibido pola comunidade que estuda a paleoantropoloxía en España, líder a nivel internacional.

“Este estudo enche un baleiro clave do rexistro africano xusto preto do intervalo no que a xenética sitúa a separación entre a liñaxe que acabará en Homo sapiens e o neandertal”, sinala Juan Ignacio Morales, investigador no Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social.

“Os homininos de Casablanca poderían entenderse, en termos xerais, como un equivalente africano do Homo antecessor, no sentido de que ambos representarían formas evolucionadas de Homo erectus en dous extremos do Mediterráneo en datas próximas, cunha anatomía que combina trazos primitivos e modernos”, declara o investigador.

A diferenza é que “Homo antecessor (Atapuerca) amosa trazos que o sitúan, no conxunto, máis preto da traxectoria neandertal euroasiática, mentres que Casablanca se interpreta como máis próximo ás poboacións africanas que desembocarán en Homo sapiens”, engade Morales nunha reacción ao estudo.

A nova investigación, coinciden os expertos neste campo científico, reforza a idea de que a diferenciación rexional entre Europa e o norte de África comezou no Pleistoceno temperán e pon o foco no Magreb como rexión clave para entender esa fase de diversificación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade