Publicador de contidos

Publicador de contidos

As probas de ADN exculpan o sospeitoso do crime de Judith no Porriño e a xuíza pide identificar outros dous homes

As probas de ADN exculpan o sospeitoso do crime de Judith no Porriño e a xuíza pide identificar outros dous homes

O xulgado decreta o sobresemento provisional ao non apreciar indicios suficientes contra o único investigado

Os restos biolóxicos apuntan a dous perfís xenéticos masculinos aínda sen identificar

G24.gal 12/02/2026 17:04 Última actualización 12/02/2026 18:06

As probas de ADN realizadas polo Instituto Nacional de Toxicoloxía no marco da investigación polo asasinato de Judith M.G afastan as sospeitas sobre o único detido e investigado, Casimiro F.

A xuíza da sección civil e de instrución, praza 3, do Tribunal de Instancia do Porriño acordou o sobresemento provisional da causa ao non existir indicios suficientes contra el e ordenou identificar outros dous homes vinculados polos seus perfís xenéticos.

O corpo de Judith, de 37 anos, veciña de Vigo, foi atopado por un transportista nunha zona de maleza do polígono industrial das Gándaras en novembro de 2023.

A autopsia confirmou que morreu de forma violenta pola acción combinada de dous mecanismos de asfixia: a suxeición do pescozo coas mans e a introdución dun pano na boca.

Cinco meses despois do achado foi detido Casimiro F. como suposto autor do crime, principalmente a partir do estudo do posicionamento dos teléfonos móbiles.

No momento da detención xa estaba no cárcere por outras condenas por roubos con intimidación e agresión sexual a mulleres.

En abril de 2025 o xulgado acordou a súa posta en liberdade provisional nesta causa, á espera de novas dilixencias.

No auto deste xoves, a instrutora sinala que os informes de Toxicoloxía supoñen un xiro total na investigación.

A análise identificou ADN do investigado nos restos de seme presentes no pano localizado na boca da vítima.

Porén, tamén detectou outros dous perfís xenéticos masculinos, denominados varón A e varón B, que non están identificados.

O perfil do varón A apareceu no pubis e na ingle dereita de Judith, en varias prendas de roupa e no pano. Tamén se detectou en restos de sangue nas mans da vítima e baixo as súas unllas. O perfil do varón B localizouse baixo as unllas, na roupa, na ingle, no pubis, nas nádegas e na vaxina.

A xuíza lembra que a autopsia apunta a unha morte violenta por asfixia e a un forcexo no que a vítima se enfrontou ao agresor.

Considera que o sangue baixo as unllas debe atribuírse ao autor da morte. Os perfís xenéticos asociados a ese sangue non coinciden co do investigado.

Segundo recolle a resolución, non hai dúbida de que o investigado mantivo un encontro sexual coa vítima. Con todo, existe unha dúbida razoable sobre que fose o causante da súa morte. A presenza do seu seme no pano non implica que fose el quen o empregou para asfixiala.

Ante esta situación, o xulgado acorda o sobresemento provisional da causa.

A xuíza ordena á Garda Civil iniciar actuacións para identificar as persoas ás que corresponden os perfís xenéticos denominados varón A e varón B.

Unha vez obtidos os resultados, poderíase reabrir a causa e practicar novas imputacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade