As grandes cadeas apostan polos 'mercaurantes' para que os clientes queden a comer nas tendas
Supermercados e hipermercados crean cada vez máis espazos para comer dentro dos comercios
Compiten coa hostalaría tradicional ofrecendo prezos moi baixos e pratos variados
Na xerga do sector chámanlles mercaurantes. Son espazos destinados á restauración habilitados dentro das grandes tendas de alimentación, supermercados ou hipermercados. A fórmula chegou a España hai uns poucos anos e as cadeas están abrindo cada vez máis. E teñen varios máis previstos, tamén en Galicia. Contan cunha cociña propia, con frecuencia a que tamén se encarga dos pratos preparados para levar para a casa, e unha zona de comedor con barra ou mesas. Tamén pode haber un microondas para quentar o que acabas de coller nun estante.
"Por aquí pasan cada día máis de seiscentas persoas", asegura o responsable da sección no Alcampo de Vialia, en Vigo, Martín Canedo. "E o tipo de cliente é moi variado: traballadores do centro comercial no que está o hipermercado, estudantes que aproveitan para cargar os teléfonos...".
E, por suposto, xente que vai facer a compra. Algún tomou unha pausa e ten o carriño e medio encher aparcado a carón da mesa.
"Aproveitamos que temos algo de tempo e almorzamos algo ben rico", cóntanos unha muller. "Custa menos, é económico", explica outra.
O factor prezo é fundamental. Os mercaurantes ofrecen pratos máis baratos ca en moitos locais tradicionais. No súper que Eroski abriu hai pouco no barrio de Pereiró, en Vigo, a xente pode levar un prato, bebida e sobremesa por menos de cinco euros.
"Por calidade-prezo. Ao final, é moi cómodo vir, fas a compra e marchas para casa", asegura a cociñeira do grupo Vegalsa, Carolina Loureiro.
"Adoito vir aquí despois da universidade, sobre todo pola rapidez e porque non teño que cociñar eu", explica un cliente habitual.
Os menús adáptanse aos comensais e aos seus horarios: café e bolería polas mañás, bocadillos para o almorzo e pratos quentes para o xantar. No Alcampo de Vialia teñen moitos clientes latinos, así que, ademais dos clásicos da gastronomía galega, elaboran arepas, burritos e faijtas. No Eroski de Pereiró preparan moitas bolsas para levar cando hai concertos no parque de Castrelos ou partidos no estadio de Balaídos porque se dispara a demanda.