Un gandeiro de Castro de Rei denuncia un feirante por querer violarlle unha vaca
O propietario do animal sorprendeu o presunto autor cando tentaba forzar a vaca
O presunto responsable destes feitos, que na súa declaración no xulgado optou por permanecer en silencio, investígano por malos tratos animais
A Garda Civil detivo un feirante que presuntamente tratou de violar unha vaca de madrugada nunha explotación gandeira de Triabá, en Castro de Rei. Tras rematar a xornada, deixou a atracción no campo da feira e dirixiuse nun patinete eléctrico ata a granxa cunha banqueta e cunhas cordas coas que amarrou o animal.
Tras espertar cos bramidos, o dono do gando sorprendeuno e alertou os axentes, que o acabaron por prender na sesión vermú. Unha vez detido, o feirante recoñeceu os feitos ante os gardas. Pola súa parte, o resto dos gandeiros da parroquia, conscientes de que lles puido pasar a eles, aínda non acaban de crer o acontecido.
Posteriormente, citaron o feirante nos xulgados de Lugo, onde se negou a declarar.
O xuíz practicou outras dilixencias, como tomarlles declaración ao denunciante e a unha testemuña, ademais de recibir un informe veterinario no que descartaba a existencia de lesións no animal. A Fiscalía solicitou a imputación do sospeitoso por un delito leve de maltrato animal.
Como presunto autor dun delito de maltrato animal podería enfrontarse a unha pena de entre 3 e 18 meses de cadea tras o xuízo previsto para o día 10 de novembro no Xulgado de Instrución número 1 da capital lucense.