Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha paciente agride unha médica de urxencias no Hospital de Ourense

Unha paciente agride unha médica de urxencias no Hospital de Ourense

A médico sufriu "lesións e hematomas" por parte dunha paciente que se negou a respectar a súa quenda e esixiu ser atendida inmediatamente

Foto de arquivo/Europa Press Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 30/06/2025 19:39

Unha médica que traballa no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sufriu unha agresión por parte dunha paciente, segundo denunciou o sindicato sanitario O'Mega.

Nun comunicado remitido aos medios, esta organización sindical denunciou esta escalada de violencia nos hospitais e centros de saúde galegos e acusou a Xunta de "pasividade" ante a violencia "cada vez máis frecuente" que sofren os sanitarios.

O sindicato asegura que a profesional sufriu "lesións e hematomas" por parte dunha persoa que "se negou" a esperar a súa quenda e que "esixiu ser atendida de inmediato", na que sería xa a cuarta agresión nas últimas semanas en centros sanitarios e hospitais galegos.

A primeira agresión produciuse o pasado 7 de xuño no hospital Virxe da Xunqueira de Cee (A Coruña), onde un mozo propinou unha puñada nun ollo a un médico do servizo de Urxencias ao que gritou: "Vas saír rodando, gordo de merda".

Catro días despois, unha facultativa foi agredida no centro de saúde de San José, na Coruña, por un home que, pouco despois, foi detido pola policía nas inmediacións do centro de saúde.

Unhas semanas antes, outro sanitario quedou ferido de arma branca por un home que o atacou en Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Os médicos acusaron a Consellería de Sanidade de non facer "o suficiente" para garantir a súa seguridade e de "obviar" as achegas do colectivo profesional para mellorar a protección legal, a seguridade nos centros sanitarios e a atención xurídica aos facultativos que sufran algunha agresión.

Advirten de que o que está a pasar "non é algo puntual" e engaden que a maior parte das achegas que realizaron os facultativos "non aparecen recollidas no anteproxecto de reforma da lei", polo que instan a Xunta a "deixar de aprazar o inaprazable".

Fronte a esta situación, esixen ao Goberno galego que acometa a reforma da Lei de Saúde de Galicia e que implemente "con carácter inmediato" medidas como o reforzo da seguridade nos centros sanitarios ou o amparo legal automático aos profesionais.

Pola súa banda, a dirección da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras manifestou a seu"máis absoluto rexeitamento" pola agresión á facultativa de Ourense e considerou "inadmisible" este episodio de violencia que "volve poñer de manifesto a necesidade de manter con firmeza a política de tolerancia cero fronte ás agresións ao persoal sanitario".

"Episodios como este non teñen cabida nun sistema sanitario público que debe basearse no respecto mutuo e na protección de quen traballa día a día ao servizo da saúde", recolle a xerencia.

Nun comunicado remitido aos medios, a dirección hospitalaria subliñou que a nova lei permitirá que todas as áreas sanitarias "comuniquen de oficio" todos os casos de agresión á Fiscalía Superior de Galicia "para o inicio de accións penais con independencia de que exista ou non denuncia da persoa agredida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade