Ozoaqua sitúa a Galicia na elite da dermocosmética internacional
Os laboratorios Ozoaqua recibiron un novo premio iDermo pola crema corporal de aceite ozonizado Ozobaby
O xurado está formado por farmacéuticos, especialistas en dermatoloxía e consumidores
Os aceites ozonizados teñen múltiples propiedades: efecto antiinflamatorio, cicatrizante, hixienizante, calmante e reparador da barreira cutánea
Laboratorios Ozoaqua sitúa a Galicia na elite da dermocosmética internacional. Acaban de recibir un novo galardón, o Premio Bronce na categoría do Mellor Produto para Peles Atópicas dos prestixiosos Premios iDermo 2025 por esta crema corporal de Aceite Ozonizado Ozobaby.
"Supón reforzar a nosa eficacia e compromiso coa calidade e converternos nun produto de vangarda nivel nacional e competir con laboratorios multinacionais. Estamos facendo continuamente estudos clínicos que apoian a calidade dos nosos produtos", di Pablo Brea, xerente de Laboratorios Ozoaqua.
O xurado destes premios iDermo, que se celebraron en Barcelona, está formado por farmacéuticos, especialistas en dermatoloxía e consumidores.
Ozoaqua naceu hai uns nove anos en Santiago. Os seus produtos están elaborados ao cen por cento en Galicia e véndense nas farmacias.
Os aceites ozonizados teñen múltiples propiedades: efecto antiinflamatorio, cicatrizante, hixienizante, calmante e reparador da barreira cutánea.
"Nós o que facemos é someter o aceite vexetal, aceite de oliva e de xirasol neste caso a un proceso de ozonización, mediante un sistema de burbuxeo introducimos o ozono no aceite a unha temperatura constante, a unha presión constante e durante un ciclo de horas determinado. O que conseguimos con esto é que o aceite adquira as propiedades do ozono: hixienizante, hidratante, calmante, cicatrizante e reparador", engade.
Realizan estudos clínicos continuos e contan con avais científicos. Están en proceso de pasar de produtos de dermocosmética á categoría de produtos sanitarios.
Aseguran que achegan solucións eficaces para o coidado das peles sensibles, hiperreactivas e mesmo en pacientes oncolóxicos.
