Un parapente bate na cabeza dunha muller na praia de Portosín
O piloto levouna por diante mentres aterraba e causoulle unha contusión
A vítima pide que os parapentes non aterren tan preto dos bañistas para evitar novos accidentes
É unha imaxe habitual de cada verán, os parapentes descendendo sobre o areal de Coira, en Portosín. Pero o pasado domingo un deles acabou batendo na cabeza de Montse.
"Están descendendo continuamente, o rapaz non me berrou, non me decatei porque viña por detrás, recibín o impacto e xa me derrubei", explica Montse.
Ata o lugar desprazouse unha ambulancia, que a levou ao hospital de Santiago. O impacto causoulle unha brecha na cabeza e un enorme susto. Contáronlle que non é a primeira vez que sucede algo similar e considera perigoso que aterren tan preto da ducha da praia.
"É una zona onde xogan nenos e hai unha ducha, o que me pasou a min se lle pasa a un neno ou a unha persoa maior podería ter consecuencias máis graves. É perigoso", advirte Montse.

O piloto respondeu polo sucedido e tiña seguro de responsabilidade civil. Desde a Federación Galega de Deportes Aéreos recordan que existe unha normativa de seguridade moi estrita. Din que se trata dun deporte seguro, pero piden extremar a prudencia para evitar accidentes como o de Coira.
"As zonas de voo e aterraxe adoitan estar recoñecidas porque se leva facendo desde hai moitos anos esa actividade neses sitios. O tema da xente, loxicamente, por riba deles non se debería voar por sentido común, tampouco enriba de edificacións, é unha cuestión de prudencia e de regulamentación", explica o presidente da Federación, Víctor Manuel Maiztegui.
Mentres continúa o debate sobre a convivencia dos bañistas e determinados deportes nas praias, Montse di con ironía que, de agora en adiante, terá que vixiar por se lle cae máis xente do ceo cando camiña.