Falece un home en Poio tras caer a un pozo
Foi un compañeiro da vítima, que estaba rozando un camiño, quen deu aviso do suceso
Os servizos de emerxencia rescataron o home do interior do pozo, pero xa falecera
.jpg)
O corpo sen vida dun home foi rescatado este xoves do interior dun pozo en Poio, no lugar de Raxó, segundo a información achegada pola central que coordina a atención ás emerxencias que se producen en Galicia.
Pouco despois das 20:30 horas, un individuo contactou co 112 Galicia ao sospeitar que un compañeiro seu puidera caer a un pozo, tras decatarse da súa ausencia cando estaban rozando un camiño zona do Camiño da Serpe, na parroquia de Raxó.
O CIAE 112 Galicia informou inmediatamente ao Servizo de Emerxencias Sanitarias de Galicia-061, ao Corpo de Bombeiros de Ribadumia, ao GES de Sanxenxo, á Garda Civil e ao Grupo de Voluntarios de Protección Civil de Poio.
Os servizos de emerxencia que acudiron ao lugar lograron rescatar a persoa do interior do pozo, aínda que xa estaba falecida e non se puido facer nada para salvarlle a vida.