Desaloxan unha vintena de persoas en Pontevedra ao arder un edificio no centro da cidade
Os habitantes do inmoble foron evacuados sen que houbese que lamentar danos e tamén se desaloxaron varios veciños de edificios lindeiros
Este mércores está prevista a demolición dunha parte do inmoble sinistrado antes de que poida colapsar
Un incendio nun edificio situado na céntrica rúa pontevedresa Marqués de Riestra obrigou esta madrugada a evacuar os habitantes do inmoble, que sufriu importantes danos.
Ademais, os servizos de emerxencia tiveron que desaloxar os edificios lindeiros ante o perigo para os veciños. Porén, non se informou de danos persoais por causa deste suceso.
A extinción complicouse por momentos e os Bombeiros de Pontevedra tiveron que solicitar o apoio doutros parques da comarca.
O lume, que comezou no segundo andar, propagouse rapidamente ao terceiro piso e ao ático.
Múltiples particulares alertaron o 112 Galicia dos feitos ás 01:10, explicando que saía moito fume dunha galería situada no segundo andar dun edificio da rúa do Marqués de Riestra, en Pontevedra. Nos minutos posteriores, outros alertadores sinalaron que había xente no interior das vivendas afectadas.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Pontevedra, do Morrazo e do Salnés, da Policía Nacional e Local e mais da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio.
Unha vez no lugar, os bombeiros confirmaron que o lume non se propagou a ningún outro edificio pero que o inmoble afectado tiña a estrutura de madeira. Pola súa banda, os servizos sanitarios informaron de que ningunha persoa tivo que ser trasladada ao hospital.
Toda a construción se viu afectada e os residentes no edificio sinistrado perderon todo canto tiñan e deixaron atrás cando abandonaron a vivenda en medio dunha intensa fumareda.
Das 20 persoas desaloxadas do inmoble incendiado, as dúas familias que residían nas vivendas da primeira planta foron recolocadas noutros pisos que lles ofreceu o arrendador. En canto aos inquilinos do segundo andar, onde se orixinou o lume, son un total de 12 as persoas que foron acollidas nun piso de titularidade municipal.
O Servizo de Benestar está a atender estas persoas para poñer á súa disposición todos os instrumentos e recursos que sexan necesarios a fin de atendelos tanto agora, de emerxencia, como nos próximos días.
Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, indicou: "Estas persoas saíron co posto, non teñen nada encima, nin sequera documentación nin as chaves do coche. Non teñen nin para comer".
A pesar de que o incendio xa se daba por controlado, ao longo da mañá colapsou a escaleira interior do inmoble e volvéronse reavivar as chamas.
Así as cousas os veciños dos edificios lindeiros volveron ser desaloxados e está previsto que este mércores se faga unha demolición parcial do edificio no que se produciu o lume para evitar que se veña abaixo.