Comeza a demolición do edificio que ardeu o verán pasado en Pontevedra
As obras na rúa Marqués de Riestra durarán dúas semanas e afectará ao tráfico na zona
En Pontevedra comezaron as obras de demolición do edificio que ardera o pasado verán na rúa Marqués de Riestra. Uns traballos que afectarán ao trafico e á circulación nunha das vías mais transitadas do centro da cidade.
En dúas semanas o número catro da rúa Marqués de Riestra quedará para o recordo. Comezaron os traballos de demolición despois de que un incendio afectara fatalmente a súa estrutura o pasado 8 xullo. Foi en pleno verán, de madrugada. O incendio podería ter a súa orixe nunha candea que prendeu nun dos cuartos do segundo andar.
As lapas estendéronse rapidamente, pero non houbo vítimas nin feridos. 18 veciños do inmoble e dos edificios lindeiros tiveron que ser desaloxados, e os baixos comerciais resultaron seriamente afectados.
Sete meses despois o Concello de Pontevedra comezaba o procedemento para declarar en ruína o edificio e ditaba unha orde de demolición por motivos de seguridade. Hai un mes a Policía Local precintaba a beirarrúa despois de que caeran na rúa cascallos da fachada. O inmoble sitúase na zona de protección das ruínas de Santo Domingo e preto doutro edificio catalogado por patrimonio, o que condiciona as obras, e afectará o tráfico nunha rúa moi transitada por peóns e coches.
Está previsto que as obras se prolonguen durante dúas semanas, en que o tráfico neste tramo sufrirá cortes e limitacións entre as 9 da mañá e as sete da tarde.