Arde a nave de Trison no polígono industrial de Sada
O lume xa foi extinguido, aínda que permanece un retén para arrefriar os rescaldos
Só se produciron cuantiosos danos materiais
Participaron na extinción efectivos dos parques de bombeiros da Coruña, Arteixo e Betanzos
Pasaba da unha da madrugada cando un particular alertou o 112 de que se estaba a producir un lume nunha nave relacionada co sector audiovisual en Sada. Ata o lugar trasladáronse os Bombeiros de Betanzos, pero dada a virulencia das lapas tiveron que mobilizarse efectivos de Arteixo e A Coruña para poder atacar o lume e intentar que non se propagase ás naves lindeiras.
O lume quedou extinguido pasadas as dúas da mañá e agora tan só quedan uns pequenos focos, por esa razón permanecen varios reténs no lugar. Non se produciron danos persoais, pero os materiais son moi numerosos dada a cantidade acumulada no seu interior.
A magnitude das chamas provocou o colapso de parte do teito da nave e obrigou a desaloxar o Motel Venus, que está ao lado das instalacións da empresa tecnolóxica.
O Concello de Sada trasladou o seu recoñecemento ao traballo de todos os efectivos despregados, cunha intervención que resultou determinante para evitar consecuencias maiores.