O Atleti achégase ás semifinais da Champions League tras gañar no Camp Nou (0-2)
A expulsión de Cubarsí na primeira metade marcou o devir do partido
Gran gol do desexado Julián Álvarez
O desenlace da eliminatoria o próximo martes no Metropolitano de Madrid
@FCBarcelona_es
O Atlético de Madrid golpeou primeiro nos cuartos de final da Champions League e impúxose no Camp Nou ao Fútbol Club Barcelona, 0-2, e encarrilou o pase ás semifinais da máxima competición continental.
A primeira metade foi de dominio blaugrana aínda que sempre co perigo dos atléticos á contra. O inglés Marcus Rashford rozou o gol en varias ocasións, incluso anotando un que foi anulado por fóra de xogo previo de Lamine Yamal. Pero nunha das contras atléticas chegaría a xogada chave do partido e quen sabe sí da eliminatoria. Julián Álvarez filtrou un gran pase ás costas da zaga do Barça e Cubarsí derribaba a Giuliano cando este se plantaba no man a man con Joan García. O colexiado sinalaría falta e amonestación pero incrementaría o castigo tras a chamada do VAR, expulsando ao central catalán. A falta non a desaproveitou Julián que, cun maxistral lanzamento, anotaba o primeiro gol do partido a catro minutos do descanso.
Flick movía ficha no decanso deixando a Pedri no banco para que entraran Gavi e Fermín. E o Barcelona saiu dominante pese a inferioridade numérica. Rashford lanzou unha falta contra o pau traveseiro e o Atleti sufría. Entón moveu ficha Simeone coa entrada no campo de Sorloth e Baena no lugar de Lookman e Koke. E chegaría o segundo gol do partido cunha xogada por banda esquerda de Ruggeri que remataba o dianteiro noruegués ao fondo das mallas. Os blaugranas tentaron reducir a diferenza, cun espectacular Lamine Yamal, pero non foron quen de derribar o muro defensivo dos do Cholo Simeone.