O incendio dunha furgoneta nun garaxe obriga ao desaloxo de dous edificios en Pontevedra
Non houbo feridos e sí danos materiais no estacionamento, no primeiro piso e no tendido eléctrico da fachada do inmmoble afectado
Imaxe da rúa Mestre Soutullo, one se declarou o incendio
Dous inmobles tiveron que ser desaloxados na tarde deste xoves en Pontevedra a causa do incendio dunha furgoneta estacionada no garaxe dun dos edificios. Tamén foi necesario cortar o tráfico e o acceso peonil á rúa Mestre Soutullo, na contorna de Loureiro Crespo.
Foron os veciños, alertados por unha densa fumareda, os que avisaron aos servizos de emerxencia.
Ningún residente no inmoble resultou ferido malia que as lapas procedentes do vehículo afectaron aos cristais da vivenda do primeiro piso do número 11 da rúa Mestre Soutullo.
Segundo o 112, o incendio declarouse ás 17.20 horas deste xoves, cando varios particulares informaron do incendio.
O vehículo foi extraido do garaxe para extinguir as lapas
Nas tarefas de extinción das lapas traballaron efectivos do Parque de Bombeiros de Pontevedra e mobilizouse tamén á Policía Nacional, á Policía Local e a Protección Civil.
Un guindastre tivo que sacar do garaxe a furgoneta para facilitar o traballo dos bombeiros.
Finalmente, resultou afectado o garaxe, o primeiro piso levemente, o tendido eléctrico e a fachada do edificio.