Publicador de contidos

Publicador de contidos

Avaliación de danos e investigación das causas do lume declarado na nave da empresa Trisón de Sada

Avaliación de danos e investigación das causas do lume declarado na nave da empresa Trisón de Sada

As lapas devoraron o 15 % da totalidade das instalacións

"Quizais a mediados da semana que vén xa poidamos comezar a recuperar unha certa normalidade"

G24.gal 10/04/2026 14:03

Unha pequena columna de fume negro continúa saíndo do interior desta nave da compañía Trisón tras o lume devastador declarado na madrugada deste xoves.

"O día de onte foi complicado e, emocionalmente tamén complicado e impacta ver este anaco da nave. A afectación foi sobre un 15 % das nosas instalacións. Esta nave ten tres andares, esta é a parte do almacén. As outras dúas plantas están totalmente intactas", explica Rafa Sánchez, director financeiro do grupo Trisón.

Na nave do polígono industrial do Espírito Santo, en Sada, é onde teñen a sede central. Aquí, 200 traballadores teñen os seus postos. Tras o incendio, comezaron a teletraballar polo que a actividade desta compañía con presenza internacional no sector audiovisual e tecnolóxico, non se viu afectada.

"Porque estamos preparados para teletraballar. Hoxe aquí non hai ningún traballador porque desde hai anos, os venres sempre traballamos desde as nosas casas. A semana que vén teremos que facelo algún día máis, pero non vai afectar as nosas operacións. Amais, temos almacéns e naves en Madrid, Barcelona, Alemaña, o Reino Unido..., polo que loxisticamente é moi sinxelo desviar algo que ía saír de aquí, para que saia desde Madrid, por exemplo, e xa está", engade Sánchez.

Toca tamén descurbrir as causas das virulentas lapas e, para iso, a Policía Científica xa traballa na zona.

"Hoxe temos que rematar a parte de peritaxe. Os traballos de limpeza das oficinas tamén se vai completar hoxe. Quizais a mediados da semana que vén xa poidamos comezar a recuperar certa normalidade ", conclúe o director financeiro da compañía.

Entrementres, a nave permanece acordoada e cunha demoledora imaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade