Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un novo accidente reabre o debate sobre a seguridade da N-541

Un novo accidente reabre o debate sobre a seguridade da N-541

O alcalde de Cerdedo-Cotobade di que vai reactivar o pacto de Pedre, asinado por sete alcaldes de concellos da nacional 541 e que urxían ao seu arranxo

G24.gal 06/09/2023 14:04

Un novo accidente na estrada N-541, que une Pontevedra e Ourense, reactiva as queixas sobre a inseguridade da vía e os veciños urxen melloras.

O sinistro, en que resultou ferido grave un motorista, ocorreu en Cerdedo-Cotobade, preto do viaduto onde morreron na Noiteboa pasada sete persoas ao caer un autobús ao río Lérez.

Javier Lois Abal é o responsable de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade. Di que "na semana é raro que non teñamos un par de accidentes no treito da nacional que atravesa o noso concello. Accidentes hai seguido. Só hai que ver o estado da estrada que cada vez está peor e non lle buscan solución".

Os veciños levan anos denunciando que a estrada non é segura e pon en risco a vida de persoas. 

"Un día seco... vaia, aínda podes pasar con calma pero un día de chuvia isto é un perigo", contanos unha condutora.

Lamentan que nove meses despois da traxedia de Noiteboa todo siga igual

"De feito vese que a ponte segue igual que estaba cando foi o accidente. Non se reparou iso", di unha das usuarias da estrada.

"Ese treito xa quedou mal desde o principio. Xa se ve. Non hai que ser moi intelixente. Agora, a consecuencia do accidente do autobús, onte houbo outro... e seguirá así, canto antes o arranxen mellor para todos", engade un veciño.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade di que vai reactivar o pacto de Pedre, que asinaran daquela sete concellos das provincias de Pontevedra e Ourense polos que cruza a nacional 541. Urxían do Goberno central o mesmo que agora. Que tome medidas e actúe para mellorar a súa seguridade viaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade