Catro investigados por unha concentración ilegal con 200 vehículos e condución temeraria
Na reunión ilegal, celebrada preto dunha estación de servizo de Lugo, congregáronse 200 vehículos e arredor de 400 persoas
Poderían enfrontarse a penas de ata 2 anos de prisión e retirada do carné dun a seis anos
As cámaras con visión nocturna e térmica da Garda Civil captaron a magnitude da quedada. Máis de 200 vehículos e unhas 400 persoas. Acudiron en moto e en coche. E sen ningunha medida de seguridade poñían a proba os seus vehículos a motor.
"Supostas conducións temerarias, sobre todo derrapaxes, en vías abertas ao tráfico e con persoas presentes no lugar", explica a sarxenta da unidade de investigación do Subsector Tráfico de Lugo, Silvia Lucena.
Un risco para os que miraban e tamén para os que usan as vías próximas á área de servizo.
"Tanto para os peóns como para o usuario da vía hai a posibilidade de producirse un sinistro ou un atropelo", asegura a sarxenta.
Publicitaran a quedada como unha exposición de vehículos clásicos, pero nada que ver. A investigación iníciase seguindo a pegada dos vídeos que os propios participantes colgaron nas redes. Hai catro investigados.
"Procedeuse a investigación de catro persoas, dous como supostos delitos de condución temerarias e outros dous coma colaboradores necesarios", di Silvia Lucena.
Os dous colaboradores serían os presuntos organizadores da concentración. Os investigados enfróntanse polo delito de condución temeraria a penas de cárcere de ata dous anos ou á privación do permiso de conducir durante seis anos.