A Xunta amplía a un cento os concellos en alerta ou prealerta por seca
Mantén a alerta por escaseza de auga en Lérez, Anllóns e Baiona e estende a declaración de prealerta á unidade territorial de Ferrol que comprende o río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira
Encoro de Zamáns. Europa Press
A Xunta mantén a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña, ata o límite con Arteixo, así como a ampliación de medidas equivalentes, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona.
Ademais, en vista da evolución máis recente dos indicadores no resto da demarcación, tamén se estende desde este xoves a declaración de prealerta á unidade territorial de Ferrol (río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira), e no subsistema de Zamáns empezaranse a adoptar medidas equivalentes.
Estas dúas zonas súmanse ás catro unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa que levan en prealerta por escaseza moderada de auga desde o 11 de agosto e que continuarán na mesma situación: río Tambre e ría de Muros e Noia; río Grande, en Camariñas; río Mandeo e ría de Betanzos, e río Landro e río Ouro.
Así o acordou este xoves a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e á que asistiron tamén o xerente do organismo hidráulico, entre outros cargos, así como representantes de Protección Civil, de Meteogalicia e das consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Os principais índices mantéñense en valores baixos e as precipitacións da última semana de agosto contribuíron a que o mes acabase sendo moi húmido en comparanza coa serie histórica e favoreceron unha recuperación puntual dalgúns caudais, aínda que "sen ter efectos significativos desde o punto de vista da recuperación das reservas hídricas, dos caudais dos ríos e dos escenarios actualmente activados".
Ademais, as previsións para setembro a curto prazo non apuntan á chegada de precipitacións, senón a un predominio anticiclónico e un aumento das temperaturas.
Máis dun cento de concellos, en alerta ou prealerta
Máis dun cento de concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas: 32 pola alerta ou por medidas equivalentes e outros 75 pola declaración da prealerta ou medidas equivalentes.
No resto de unidades territoriais de escaseza en que se divide Galicia-Costa mantense a situación de normalidade e segundo os últimos datos de ocupación dispoñibles, os encoros de abastecemento sitúanse no 58,18% da súa capacidade, 11 puntos por baixo do nivel rexistrado o ano pasado nesta mesma data.
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan da seca de Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis elevado o de emerxencia.
A efectos prácticos, esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, de ser necesarios, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, encher piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais.
Así mesmo, o escenario de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados, así como dos posibles incidentes.