Augas de Galicia garantirá a subministración a Baiona e Nigrán se Caballero segue coa "actitude ameazante"
Augas de Galicia garantirá a subministración a Baiona e Nigrán se Caballero segue coa "actitude ameazante"
Vigo fornece de auga os dous concellos a través do encoro de Eiras desde este luns
O alcalde asegurou que non é unha obriga e que podería "parar mañá" o abastecemento
A Xunta lémbralle a Caballero que "debería saber que a auga non é da súa propiedade"
A Xunta de Galicia advírtelle ao alcalde de Vigo de que, se persiste na súa "actitude ameazante", será Augas de Galicia a que interveña para garantir a subministración de auga a Baiona e Nigrán. Así o trasladou, en declaracións remitidas aos medios, a delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Ana Ortiz, que insistiu en que o rexedor olívico "sabe ou debería saber que a auga non é da súa propiedade".
Segundo subliñou Ana Ortiz, o abastecemento deste ben público á poboación é "unha obrigación incompatible coa arbitrariedade dun alcalde que pretende utilizala como instrumento de confrontación política".
A delegada da Xunta fixo estas consideracións despois de que o alcalde da cidade afirmase que, desde este luns, Vigo está a fornecer auga a Baiona, sen ser a súa obrigación, e que podería "parar mañá" ese abastecemento. Ortiz acusou a Caballero de servirse da auga "de forma totalmente insolidaria" nun contexto de escaseza, para "atribuirse a potestade de decidir unilateralmente quen pode ter auga e quen non".
"Por tanto, de persistir na súa actitude ameazante, sería Augas de Galicia a que interviría, coa lei na man, para garantir a subministración a Baiona e a Nigrán", resolveu.
Desde este luns Vigo trasfega a auga do encoro de Eiras ao de Zamáns dese o que se subministra a auga a Baiona e Nigrán.