As probas de lingua galega para obter o certificado Celga volven esta fin de semana a Madrid
Amais desta fin de semana, como son moitos os matriculados para facer os exames do Celga, os do nivel 2 e 3 vanse celebrar a fin de semana do 24 e 25 de maio
Esta fin de semana hai exames de galego en Madrid. Son as probas do Celga para obter os certificados de lingua galega. Son as primeiras probas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fai neste 2025, polo que o número de presentados é moi alto. Haberá exames este sábado o tamén o domingo.
Nesta primeira convocatoria de 2025 das probas para conseguir o certificado Celga realízanse en Santiago, Ponferrada e Madrid, na Casa de Galicia.
Dez anos despois do inicio desta proba, os exames para conseguir a certificación en lingua galega volven a Madrid. Esta fin de semana son moitos os que se van presentar a esta convocatoria.
Levan semanas estudando e preparándose, segundo contan os aspirantes.
E por que queren aprender galego vivindo en Madrid? Os motivos son moi variados, cada un ten as súas preferencias e van desde abrir abanos de traballo ata querer coñecer a lingua dos pais.
O Celga ten varios niveis e as probas son escritas e orais. Como son moitos os matriculados para facer os exames do Celga, os do nivel 2 e 3 vanse celebrar a fin de semana do 24 e 25 de maio.