Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arrinca a Semana da Tortilla de Betanzos: doce negocios compiten por facer a mellor

Arrinca a Semana da Tortilla de Betanzos: doce negocios compiten por facer a mellor

Os clientes poden votar en urna ou a través da app GastroBetanzos

 

G24.gal 14/10/2026 14:08

Preparados (ovos batendo)..., listos (volta coa tixola)..., xa (presentando). Comeza a Semana da Tortilla de Betanzos...

"Nós comezamos a facer tortillas ás sete da mañá, teñen moita saída", explica Teresa Ramallo, da cervexaría Yocri.

"Hoxe comeza o certame. En todos os bares poñemos a tapa a 2,50 euros e a tortilla enteira, a 20", engade Esther Corral, do Bar Galicia.

Ata o domingo doce bares da vila tentarán conquistar o voto de clientes e expertos cunha receita á que hai que botarlle cariño e moitos ovos.

"Depende da tixola, pero levan entre doce e catorce ovos".

"A min a tortilla fálame e dime cantas voltas precisa, despois hai que servir e punto".

En urna ou a través da aplicación GastroBetanzos os clientes poderán emitir o seu voto.

"Teñen que ir a cinco locais e no último votan e din cal das tortillas prefiren".

En paralelo, un xurado profesional dará o seu veredicto. E, aínda que soe a tópico, o máis importante neste certame non é gañar. 

"O ano pasado non houbo sorte, non pasa nada, a ver se este si. O importante é vender, que a xente te coñeza e saiba como funcionas".

"Eu teño recoñecementos doutros anos, pero é importante colaborar e traer moita xente a Betanzos. A tortilla atrae visitas e achega moitos cartos na vila".

A incógnita desvelarase o domingo. Mentres, toca facer a catar moitas tortillas, traballo intenso aos dous lados da barra para dar coa elixida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade