A Xunta destaca que o pacto polo galego non implica "un cambio de modelo" lingüístico
Para o BNG, o acordo é "unha farsa"
Desde o PSdeG aseguran que "é unha pequena axuda, o que se puido conseguir"
O pleno do Parlamento votará este mércores o contido do acordo alcanzado por PPdeG e PSdeG
O conselleiro de Cultura subliñou este martes que o pacto polo galego alcanzado polo PPdeG e o PSdeG para actualizar o plan de normalización lingüística non implica "un cambio de modelo" en Galicia.
Na súa comparecencia no Parlamento galego para explicar o contido deste acordo, que este mércores votará o pleno, López Campos indicou que se prevén novas "medidas de estímulo" que apontoarán a política en materia de lingua desenvolvida ata o momento.
Así mesmo, anunciou que a Xunta prevé poñer en marcha as cincuenta medidas "máis urxentes" do plan nos primeiros cen días desde a súa aprobación, ao que se engadirá que os próximos orzamentos autonómicos para 2027 incrementarán nun millón e medio de euros a contía dos fondos para políticas lingüísticas.
Nun extenso discurso López Campos reiterou en varias ocasións que o consenso debe guiar a acción pública nesta materia e agradeceu aos implicados nas negociacións o alcanzar "un grande acordo capaz de xerar un novo horizonte para a lingua"
Deste xeito, citou expresamente os deputados do PSdeG Aitor Bouza e Lara Méndez, así como o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, e o representante de Democracia Ourensana na Cámara autonómica, Armando Ojea; ademais dos membros do PPdeG participantes nas conversacións.
Non incluíu, iso si, alusións directas ao BNG na súa primeira intervención, aínda que durante a súa posterior réplica si cargou contra os nacionalistas galegos polo "erro histórico" que, ao seu xuízo, constitúe que non participen deste acordo e insistan no que definiu como "supremacismo lingüístico".
Para o BNG o acordo é "unha farsa"
Fíxoo despois de que a parlamentaria Mercedes Queixas tachase de "farsa" o texto acordado por socialistas e populares, a quen lles reprocha que asinen "un pacto de conveniencia" cuxas prebendas "esclarecerá" o paso do tempo e que supón, na súa opinión, un "catálogo de rebaixas" para o status legal do galego.
"Se tan bo é este pacto, se tantos beneficios vai dar, como é posible que leven semanas falando e atacando ao BNG?", preguntouse Queixas.
Queixas reprochou ademais a "opacidade" e "falta de transparencia" do proceso de actualización do plan e insistiu en que unicamente inclúe "un par de retoques para que pareza que algo cambia, pero que todo siga absolutamente igual".
Desde o PSdeG aseguran que "é unha pequena axuda, o que se puido conseguir"
A deputada do PSdeG Silvia Longueira saíu a defender o acordo alcanzado polo seu partido e, tras sinalar o "panorama desolador" no que se atopa o galego, avogou por ir desfacendo, na medida do posible, o "armazón de despropósitos que asfixian á lingua".
"Este acordo é, evidentemente, o acordo do posible. Non é doado", admitiu Longueira, que expresou a súa resignación por non poder cambiar o modelo pola falta de apoios, sen deixar de defender que sería peor "non mellorar" a situación existente.
"É o que puidemos conseguir", resumiu a parlamentaria socialista, que definiu a súa achega como "unha pequena axuda", preferible ao "sectarismo" do BNG que decidiu autoexcluírse.
Pola súa banda, o portavoz do PPdeGalicia, Alberto Pazos, valorou as cesións feitas polas partes para poder chegar a este acordo, que ve unha "folla de ruta útil" para abordar a situación do idioma, e atacou ao BNG por non sentar falar neste proceso.