O apagamento abre o debate sobre a necesidade dos semáforos
En España a primeira cidade en suprimir os semáforos foi Amorebieta, en Biscaia
Foi en 1926 cando se instalou o primeiro semáforo en España. Vai para un século que forman parte da paisaxe urbana co obxectivo de axilizar o tráfico e mellorar a seguridade viaria pero o día da grande apagada deixaron de funcionar e non houbo sinistros.
A responsabilidade recae sobre condutores e peóns e fixo que extremáramos as precaucións. Que acontecería entón se os semáforos desapareceran das cidades?
"Estamos continuamente recibindo información a través dos sentidos e esa información procesámola. Ai recoñecemos uns patróns que xa temos na memoria almacenados. Entón xa o facemos automaticamente. Pero ese día fixo que eses patróns non foran tan automáticos e púxonos en situación de alarma e hipervixilancia. Sen eses patróns a percepción de risco aumentou e iso fixo que os condutores circularan máis lento e con máis atención", explicou Marcos Álvarez, psicólogo.
O certo é que xa hai cidades en distintos puntos de Europa que os eliminaron.
"En 1983 o primeiro país europeo que o estableceu foi Países Baixos. Teñen moitas localidades nas que a circulación do tráfico regúlase sen semáforos. Complementouse con redutores de velocidade e sobre todo a velocidade reduciuse a 30 km por hora", indicou Benito Bouzada, da Federación Estatal de Técnicos de Educación Viaria.
En España a primeira cidade en suprimir os semáforos foi Amorebieta, en Biscaia, hai máis de dúas décadas e lonxe do caos reduciuse a sinistralidade.
"Os datos están aí. Falan de que se baixou un 80% a sinistralidade vial. E dende fai 18 anos na localidade madrileña de Pinto apostaron polo aforro enerxético, a harmonización e eliminaron a maior parte dos semáforos", explicou Benito Bouzada.
Unha desaparición que require doutras medidas para regular o tráfico como redutores de velocidade, pasos de peóns elevados ou rotondas. Un ensaio de como poderían mudar as cidades e o xeito de conducir se desapareceran os semáforos.