Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xustiza suspende a sanción de Consumo a Ryanair e Norwegian por cobrar a equipaxe de man

A Xustiza suspende a sanción de Consumo a Ryanair e Norwegian por cobrar a equipaxe de man

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid motiva a súa decisión na complexidade de prexulgar o asunto e nas dificultades para as tesourerías das compañías

A decisión está condicionada á achega dun aval de 110 millóns para Ryanair e de 1,8 millóns para Norwegian

G24.gal 26/06/2025 15:12

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) suspendeu preventivamente as sancións impostas polo Ministerio de Consumo ás aeroliñas Ryanair e Norwegian polo cobro da equipaxe de man, que suman 109 millóns de euros.

Nos autos datados o pasado 19 de xuño, a sala do contencioso administrativo accede ás medidas cautelares solicitadas polas aeroliñas, pero condiciona a suspensión á achega dun aval de 110 millóns para Ryanair e de 1,8 millóns para Norwegian.

Ademais de por cobrar a equipaxe de man, Consumo sancionou a estas dúas aeroliñas -e tamén a Vueling, Easyjet e Volotea- por cobrar a reserva de asentos contiguos para acompañar a persoas dependentes ou a menores e por non permitir o pago destes sobrecustos en metálico, así como por esixir un pago pola impresión da tarxeta de embarque no aeroporto no caso de Ryanair.

En conxunto, a multa, que se refería tamén a omisións de información e pola falta de claridade nos prezos publicados na súa web e na de terceiros, ascendía a 179 millóns de euros.

A sanción máis elevada correspondeulle a Ryanair, con 107,8 millóns; seguido de Vueling, con 39,3 millóns; Easyjet, con 29,1 millóns; Norwegian, con 1,6 millóns, e Volotea, con 1,2 millóns.

A Sala accedeu á suspensión cautelar da sanción ministerial pola "imposibilidade, neste momento procesual, de prexulgar o fondo do asunto", e porque "resulta evidente que a suma esixida é, certamente, moi elevada, e o seu pago anticipado provocaría un desfasamento e dificultades á tesourería" das compañías.

No momento de impoñer a sanción, Consumo explicou que, para garantir a proporcionalidade e efectividade das sancións impostas, así como o seu efecto disuasorio, o cálculo das sancións realizouse mediante o criterio do beneficio ilícito obtido, é dicir, calculando a multa con base nos beneficios obtidos polas compañías aéreas polas prácticas infractoras.

Tal e como establece o réxime sancionador de Consumo para as prácticas cualificadas como moi graves, as sancións que se impoñan poderían alcanzar ata entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido cando este supere as cantidades das multas estipuladas (entre 100.001 e 1.000.000 de euros).

Contra a decisión do TSXM pódese presentar un recurso nun prazo de cinco días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade