Atáscase a negociación entre Junts e Yolanda Díaz pola redución da xornada laboral
Os cataláns aseguran que van ter que cambiar a proposta para que a acepten
Os de Sumar son positivistas e pensan seguir negociando ata o último momento

A negociación entre Junts e a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para que o grupo catalán retire a súa emenda á totalidade do proxecto de lei de redución da xornada laboral continúa atrancada.
Junts asegura que para ter o seu voto van ter que cambiar a proposta enteira, sinalou a portavoz dos cataláns no congreso, Miriam Nogueras, logo da reunión con Yolanda Díaz no ministerio.
Desde o grupo catalán manteñen a súa emenda á totalidade debido a que a reunión de hoxe non serviu para avanzar, posto que Díaz non lles ofreceu nada novo. Segundo eles, están no mesmo punto ca onte.
"Como imos estar de acordo con unha lei que se fixo sen ter en conta a realidade en Cataluña, non é unha boa lei para as pemes catalás e xa hai empresas que van pechar, porque non poden máis", argumentan.
Destacan que aspectos do proxecto de lei coma o rexistro da xornada e a desconexión dixital chocan de pleno coa realidade catalá.
Pese a todo, Yolanda Díaz dixo nos corredores do Congreso que a reunión fora positiva. Asegurou que seguen traballando, logo de declararse optimista.
Tamén o portavoz de Sumar e ministro de Cultura, Ernest Urtasun, sinalou que non deixarán de negociar ata o último minuto.
"Non imos parar, imos traballar ata o último minuto para que isto sexa unha realidade, porque nos estamos xogando o benestar e os avances sociais de millóns de españois", apuntou en declaracións no Congreso.
Sumar deuse un mes de prazo para conseguir o acordo con Junts, pois queren levar ao Congreso o debate sobre o proxecto de lei de redución da xornada laboral de 40 a 37,5 horas semanais no pleno extraordinario do 22 de xullo.
Se Junts retira a emenda antes, as do PP e Vox non prosperarían por falta de votos e o proxecto de lei estrela de Sumar non sería devolto ao Goberno, podendo continuar a súa tramitación parlamentaria en setembro.