Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seis mortos e dous sobreviventes tras caer un autobús ao río Lérez desde 30 metros, en Cerdedo-Cotobade

Seis mortos e dous sobreviventes tras caer un autobús ao río Lérez desde 30 metros, en Cerdedo-Cotobade

Os equipos de emerxencia dan por terminado o operativo de rescate das vítimas

Traballo durante horas para dar cos desaparecidos

No autocar viaxaba un grupo que visitara aos seus familiares na prisión de Monterroso en Lugo

O condutor e unha pasaxeira foron rescatados con vida

G24.gal 25/12/2022 08:57 Última actualización 25/12/2022 21:38

Os equipos de rescate recuperaron tras horas frenéticas de traballo este domingo seis corpos tras o accidente do autobús en Cerdedo-Cotobade. Tres sacáronos do interior do autocar onde permanecían atrapados. Os outros tres apareceron río abaixo durante a intensa xornada de busca.

Algúns dos corpos atopáronos en zonas de moi dificil acceso.

O vehículo caeu ao río Lérez desde unha altura duns 30 metros cando pasaba por unha ponte no quilómetro 67 da N-541 en sentido cara Pontevedra.

Son así seis os mortos no accidente e dous sobreviventes. As dúas persoas rescatadas con vida foron o condutor, que deu negativo nas probas de alcol e drogas, e unha muller.

Conforme o reconto de persoas que ían a bordo dado polos seus familiares, ante a falta de noticias deles, coas seis persoas falecidas canda as dúas rescatadas con vida, o operativo está xa pechado.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela aseguraba na RG que se retiran os equipos de rescate e que realizarán un novo rastrexo das beiras do río o luns pero non hai denuncias de desaparicións de ningunha persoa.

Así os viaxeiros no momento do accidente serían sete máis o condutor do vehículo.

Os equipos de rescate confirmaron xa a primeira hora do domingo que no interior do autocar xa non quedaba ningún corpo, e que apareceran obxectos e roupa que podían ser dos viaxeiros nun encoro próximo, o de Azud de Anllo no Lérez. 

No rastrexo da zona colaborou un helicóptero e efectivos tanto da Garda Civil, como dos Bombeiro,  Protección Civil e dos GES da comarca con equipos dee mergullo nas beiras e o leito do río.

Foi así unha tráxica Noiteboa na localidade de Pedre e en todo o concello de Cerdedo-Cotobade. 

O accidente sucedeu pasadas as 9 da noite do sábado. Era un autocar da empresa Monbús que realizaba a liña regular Lugo-Vigo e nel viaxaban oito persoas. Varios dos viaxeiros regresaban de visitar aos seus familiares no cárcere de Monterroso.

Primeiros momentos tras o accidente

Unha chamada desde o interior do vehículo permitiu localizalo no río Lérez. Nun primeiro momento un particular avisou a Emerxencias de que a barreira de protección estaba rota por completo. Pero malia que se asomaba ao río non era quen de ver nada. Houbo posteriores comunicacións ao 112 sobre o sinistro.

Unha delas procedía do interior do autobús e proporcionaba datos clave para atopalo. Na conversación o interlocutor daba datos do vehículo que realizaba o traxecto Lugo-Vigo e que ían entre seis e oito persoas no interior. Urxía os equipos de rescate: "Tras caer ao río, o habitáculo está a encherse de auga", asegura o 112 que lles dicía na comunicación.

Activouse así o dispositivo de rescate "moi complexo", pois implica que os efectivos se descolguen desde a ponte cunha liña de vida.

Os traballos de busca suspendéronse de madrugada polas malas condicións ante o elevado caudal do río, a intensa corrente e o feito de que a auga no interior do vehículo xa alcanzaba o teito.

Ata o lugar do accidente desprazáronse nos primeiros momentos efectivos dos bombeiros de Ribadumia e de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.

Os bombeiros precisaron utilizar cordas para descolgarse da ponte e acceder ao interior do autobús. Tamén traballan alí os Bombeiros de Pontevedra, Deza, O Salnés e GES da Estrada, ademais de axentes da Garda Civil.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicaba no lugar do accidente que ata o momento "todo é moi dantesco".

Hai enormes dificultades para poder acceder ao autobús. O río Lérez vai crecido por riba do limiar de rebordamento o que complica os traballos.

Unha das viaxeiras, de orixe peruana, recentemente tomara o autobús na parada de Cerdedo tal e como comentaron no lugar do sinistro uns veciños que estiveran uns minutos antes de que subira o vehículo accidentado.

Autocar accidentado en Pedre en Cerdedo-Cotobade, na N-541

A subdelegada do Goberno en Pontevedra confirmaba que no autobús ían nove pasaxeiros e que despois de rescatar tres corpos xa non quedaban persoas no interior do vehículo. Agora os traballos intensifícanse na busca dos catro desaparecidos.

Nun encoro, o de Azud-Anllos no Lérez a pouca distancia do accidente apareceron obxectos e roupa que poden ser dos ocupantes do autobús desaparecidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade