Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso tramitará a lei do PSOE que rebaixa a 0,2 a taxa do alcol permitida ao volante

O Congreso tramitará a lei do PSOE que rebaixa a 0,2 a taxa do alcol permitida ao volante

O límite máximo de consumo de bebibas alcólicas será o mesmo para todos os condutores, eliminando as diferenzas entre noveis e profesionais, pasando dos 0,5 gramos por litro en sangue a 0,2

A maioría do pleno aceptou tramitar o texto dos socialistas. Vox e o PP votaron en contra, mentres que o PNV se abstivo

TVG TVG
G24.gal 29/09/2026 20:34

O Congreso dos Deputados tramitará unha proposición de lei do PSOE para rebaixar a máis da metade a taxa máxima de alcoholemia permitida ao volante, que pasaría de 0,5 gramos por litro en sangue a 0,2 (0,1 miligramos por litro de aire aspirado), ao apoiar a toma en consideración ERC, que en marzo tombou esta iniciativa.

A maioría do pleno do Congreso deu así luz verde á iniciativa dos socialistas, que en concreto pide reducir desa forma o límite máximo da taxa de alcoholemia permitida e unificala para todos os condutores, eliminando as diferenzas entre noveis e profesionais.

ERC, que defende a necesidade dunha taxa de cero alcol ao volante, apoiou tramitar esta iniciativa, que con todo rexeitou en marzo, pero pediu ser valentes.

"Non enganen coa taxa de alcoholemia, sexan valentes e se queren cambiar a taxa de alcoholemia a única taxa viable é o cero", dixo a deputada republicana Inés Granollers.

O texto dos socialistas, medida estrela do Ministerio do Interior de Fernando Grande-Marlaska, saíu adiante na súa "segunda oportunidade" e a cámara baixa tramitarao grazas ao respaldo de Sumar, Junts, EH Bildu ou Podemos. Vox e o PP votaron en contra, mentres que o PNV se abstivo.

O obxectivo é acabar co concepto de que o consumo moderado de alcol é acertado e deixar de preguntarse canto podo beber para entender que "se vou conducir non podo beber", como explicou o deputado do PSOE Manuel Arribas, que pediu responsabilidade ao resto de parlamentarios.

Unha de cada tres vítimas mortais nas estradas beberan alcol

O PSOE comparou esta iniciativa coas que se adoptaron para establecer a obrigatoriedade do cinto de seguridade, o casco nas motos ou o carné por puntos, que puideron ser incómodas, impopulares ou molestas pero que son responsables e buscan evitar mortes.

E esgrimiu as cifras de mortes na estrada en xullo e agosto: 240 persoas mortas nas estradas, 31 mozos de entre 15 e 24 anos, e un contexto no que "un de cada tres falecidos na estrada presentaban alcol en sangue".

"Se bebes, non conduzas. Se vas conducir, bebe sen alcol, porque ningunha morte é aceptable", afirmou Laura Vergara, deputada de Sumar, grupo que anunciou o seu apoio ao PSOE.

Junts, pola súa banda, pediu afinar a iniciativa durante a súa tramitación, porque na súa redacción actual os condutores nobeis e profesionais que superen o límite acaban "perdendo menos puntos" dos que se perden agora, un "erro" que destacou Marta Madrenas i Mir; mentres que ERC reclamou un mellor transporte público para que os condutores non dependan do coche cando saian a celebrar.

Tanto o PP como Vox criticaron esta iniciativa e que se tramite como unha proposición de lei pola vía de urxencia e non como un proxecto de lei por iniciativa do Goberno, que contaría cos perceptivos informes de organismos expertos.

O PP sinalou ademais que Marlaska busca desviar o foco das entradas masivas de migrantes a Ceuta, mentres que Vox cualificou ao Goberno de "trileiro, autoritario e manipulador".

Desde a tribuna de invitados seguiron o debate asociacións de vítimas como Stop Accidentes ou Ponlle Freo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade