Un "muro de Berlín" no barrio ourensán de Peliquín
Os veciños de Peliquín, en Ourense, volven á carga contra o proxecto de eliminación do paso a nivel que atravesa o barrio
Din que a obra prevista supón unha fractura e que os deixa illados
Propoñen un paso subterráneo que facilite a mobilidade nunha zona cunha media de idade elevada
O proxecto do ADIF para a supresión do paso a nivel de Peliquín, en Ourense, non convence os veciños afectados.
"Quedamos illados en todo: temos o médico para alá, o supermercado, a farmacia..., se nos pechan isto, é como pecharnos na casa e cerrar a porta", explica Amparo, veciña da zona.
Lévano manifestado con repetidas concentracións, escritos e coas 3.000 sinaturas que presentaron no Congreso contra a construción dunha pasarela peonil elevada a uns 150 metros do paso actual.
"En vez de facernos a vida fácil, o que nos fan é complicala, un muro de Berlín", sentencia unha das veciñas afectadas.
Calculan que hai entre catro e cinco mil afectados. Veciños da zona que empregan a diario este paso, a pé ou en coche. Propoñen como solución alternativa un paso soterrado.
"Polo menos un paso soterrado para peóns, se é tan difícil para turismos. O de camións e todo iso xa vai a uns 300 metros", sinala Ricardo Vázquez Rodríguez, presidente da asociación de veciños de Peliquín.
As obras adxudicáronse a mediados de xaneiro, hai algo máis de catro meses, e cun prazo de execución de 7 meses, pero polo momento aquí non se moveu nin unha pedra, así que os veciños confían en que aínda estean a tempo de que se reformule o proxecto. Acaban de presentar un novo escrito no rexistro da Subdelegación do Goberno. Solicitan que veña un técnico do ADIF informalos dos detalles.
"Para que nos expliquen dunha puñeteira vez, porque non sabemos se vai ser unha liña, dúas, tres... unha vergoña", di o presidente dos veciños.
Agardan, tamén, que se valore a súa proposta alternativa dun paso soterrado.