Un mariñeiro pesca en Rande varias pezas dunha vaixela de Pickmann-La Cartuja do século XIX
No rastro da vieira do seu barco viñan pezas de louza de fins do século XIX
Eligio agora non quere vender porque sente que ten na casa un pequeno pedazo da historia
O vello soño de sacar tesouros do fondo do mar acaba de cumprirse para un mariñeiro galego, de Cangas. No rastro da vieira do seu barco viñan pezas de louza de fins do século XIX co distintivo do seu fabricante. Unha vaixela incompleta de Pickmann-La Cartuja e moitas incógnitas.
Eligio Ferradás, o patrón da embarcación "Morriña Dous" no primeiro día autorizado para a captura de vieira deste ano, despois de estar máis de vinte anos sen estar permitido, subiu varias pezas de louza que foi apilando.
Xa en terra, a súa muller fixo varias consultas en foros de Internet, despois de fotografar os debuxos dos pratos e das fontes e deu cunha firma, era sen dúbida vaixelas de Pickman, vinculada á Cartuja sevillana e tamén da compañía navieira Nordeustcher e podían ter máis de cen anos. Eligio, que non quere vender porque sente que agora ten na casa un pequeno pedazo da historia segue preguntandose por que de repente afloraron tantas pezas e de onde proveñen.
Sobre a cuberta do "Morriña Dous" Eligio pon a mesa coa louza que sacou da enseada de Rande, ao sur da Illa de San Simón. O seu tesouro leva sinatura. Pickmann-La Cartuja que fabrica vaixelas desde 1841, o logo da navieira Norddeutscher Lloyd de 1857 e tres pezas co selo de Vapores Correos de 1861, cando o correo postal de América entraba a España por Vigo. E varios cubertos de alpaca.
Esto comezou o 30 de marzo, cando despois de vinte anos, seis embarcación volveron á vieira á zona 3, entre Rande e o Sur da Illa de San Simón. A ansia de saber quen usou e cando toda esta louza está na cabeza do patrón. Por que nunca aparecera nada ata agora?
A certeza, porque as correntes non permiten baixar mergulladores, por agora ninguén as ten. Eligio e a súa muller hoxe len moito da historia de Rande para saber. Agora andan na teoría de que o tesouro, as vaixelas incompletas poden vir dun barco alemán que botou dous anos fondeado en San Simón para abastecer de combustible os seus submarinos na I Guerra Mundial.