Nova Zelandia suspende a busca do mariñeiro de Bueu desaparecido na fin de semana
O Centro de Coordinación de Rescates Marítimos de Nova Zelandia confirmoulle á Radio Galega a retirada dos medios que participaban nos labores de busca
A principal hipótese é que o mariñeiro desaparecido, xefe de máquinas do palangreiro Viking Bay, caeu pola borda
As autoridades de Nova Zelandia suspenden a busca do mariñeiro de Bueu que desapareceu na fin de semana. Así llo confirmou o centro de Coordinación de Rescates Marítimos de Nova Zelandia á Radio Galega. Só o Viking Bay continúa rastrexando o Pacífico ata novo aviso.
O mariñeiro desaparecido é o xefe de máquinas do palangreiro Viking Bay, que, segundo todas as hipóteses, caeu pola borda. Juan Carlos Broullón, de 42 anos, levaba anos na compañía, foi visto a bordo por última vez ás seis da mañá do sábado 27. A tripulación botouno en falta cando non se presentou á quenda de garda.
En concreto, confirmou que todos os medios de procura -embarcacións e aeronaves- foron retirados, cabe lembrar que se encargou a un avión P-8A Poseidon da Real Forza Aérea de Nova Zelandia que realizase unha procura na tarde do domingo e este luns dous buques mercantes uníronse á procura
O Centro de Coordinación de Rescates Marítimos de Nova Zelandia fixo fincapé a través dun comunicado de que levou a cabo unha "procura exhaustiva" desde que se notificou ás 9:10 horas do domingo -hora neozelandesa- da desaparición. Con todo, lamentou que non se informou de ningún avistamento e crese que este caeu pola borda.
No momento en que se notificou o incidente, o barco pesqueiro atopábase a 570 millas náuticas ao nordés da punta da Illa Norte de Nova Zelandia e a unhas 450 millas náuticas ao sur de Fiji, zona que se atopa dentro da rexión de procura e salvamento de Nova Zelandia. Así, o Centro de Operacións Marítimas de Nova Zelandia transmitiu mensaxes aos buques próximos solicitándolles que "estivesen atentos á persoa desaparecida". Con todo, anunciou que o barco no que se atopaba o pescador chegará a porto en Fiji nos próximos días.