Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio provoca cuantiosos danos nunha explotación gandeira de Láncara

Un incendio provoca cuantiosos danos nunha explotación gandeira de Láncara

O lume orixinouse nun alpendre, que quedou calcinado xunto coa maquinaria agrícola e os 80 rolos de herba que gardaban no seu interior

Estado en que quedou o alpendre, pegado á corte
Félix Aragunde 19/12/2025 14:07

Unha explotación gandeira de Escanlar, en Láncara, sufriu cuantiosos danos nun incendio. O lume orixinouse nun alpendre onde gardaban maquinaria agrícola e herba seca. Arderon uns 80 rolos, mentres que dous tractores quedaron inutilizados. Ademais, varias das cabezas de gando teñen importantes queimaduras.

"A estrutura do teito de madeira ardeu practicamente. Aguantou a estrutura de ferro e a parede de cantería. Hai dous animais bastante danados, sobre todo un que se sufocou no bordo do incendio. O crotal derretéuselle na propia orella", sinala José López Castro, operario do Concello de Láncara. 

"Dentro había diversa maquinaria agrícola, dous tractores e mais apeiros, e bastantes rolos de herba seca. E o lume estaba empezando xa a afectar unha estabulación pegada ao pendello", engade José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria

Debido ás altas temperaturas acadadas, os traballos de extinción das lapas prolongáronse durante cinco horas. Ademais dos bombeiros dos parques de Sarria e de Monforte, ata o lugar tamén se desprazou unha carroceta municipal cunha motobomba.

"Comezamos intentando que se achicase a calor que había da herba, que estaba ardendo moita, e coa pa municipal intentar retirala para fóra. A herba, por moita auga que se lle bote, nunca se dá apagado. Primeiro soltaron os animais, e despois intentar sacar a herba para fóra para que seguise ardendo", explica o traballador municipal. 

"Ante a magnitude do incendio, os primeiros bombeiros que chegaron solicitaron a axuda dos compañeiros de Monforte e de vehículos de apoio con auga do servizo de extinción de incendios de Medio Rural. O lume quedou controlado sobre as dez e media, relativamente cedo, pero despois os traballos foron moi laboriosos, porque houbo que sacar toda a maquinaria que había dentro", agrega o sarxento do parque sarriao.

Polo momento descoñécense as causas do incendio, que provocou danos por valor de decenas de miles de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade