Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lume arrasa unha vivenda nun edificio de Ourense

O lume arrasa unha vivenda nun edificio de Ourense

Contra as 10:00 da mañá deste martes os servizos de emerxencia recibiron aviso de que saía fume pola fachada e que caían cascallos á rúa

Os bombeiros evitaron que se propagase ao resto dos pisos. Afortunadamente, non houbo danos persoais

Algúns veciños foron desaloxados e, outros, confinados para que non inhalasen o fume da escaleira

G24.gal 28/03/2023 10:55 Última actualización 28/03/2023 14:24

En poucos minutos, as lapas espalláronse por todos os cuartos do 1º C dun edificio da rúa Bonhome de Ourense, a vivenda dun matrimonio con fillos pequenos que acababan de deixar no colexio.

"Un curtocircuíto e xa estaba toda casa... sen ruído. Cando me din conta, tivemos que saír correndo e xa estaba así", dicía Franny Cruz, veciña do piso incendiado.

A muller, á que revisaron os sanitarios para descartar danos por inhalación de fume, xa que está embarazada, atribúe a orixe do lume a un curtocircuíto no dormitorio da filla.

"Arderon colchóns, un montón de roupa que tiñan, e estendeuse por toda a vivenda. Atacamos desde abaixo pola fachada e metemos outra unidade por dentro. Tiramos a porta abaixo, porque estaba pechada", explicaba Óscar Xosé Rodríguez Sánchez, cabo dos Bombeiros de Ourense.

Os veciños do mesmo andar, e o que vive xusto enriba da vivenda incendiada, foron os únicos desaloxados. Saíron co posto.

"Eu estaba no baño cando viñeron petar na porta. Saímos co posto", comenta Faustino, veciño do 2º C. "Eu estábame erguendo da cama. Oín golpes na porta, dos bombeiros e da policía. Dicían que había que saír porque había lume. Collín os animais e saín", di Ángeles, do 1º B, mentres acariña os seus gatos.

Confinados

Ao resto dos veciños confináronos para que non inhalasen o fume da escaleira, incluídos dous policías. "Dous policías que chegaron no primeiro momento e axudaron no rescate, pero despois non puideron baixar e confinámolos nun piso", explica o cabo dos bombeiros.

"Confinouse por seguridade, porque había que baixar moitas escaleiras e o fume invadía o espazo comunitario. Decidiuse, como é habitual nestes casos, que estivesen dentro das vivendas, unha vez que os bombeiros xa estaban controlando o lume", explicaba Baldomero Rubio, inspector da Policía Local de Ourense.

O lume quedou extinguido en pouco máis dunha hora. Todos os veciños, agás os do piso incendiado, puideron regresar ás súas vivendas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade