Un incendio nunha mina deixa polo menos 27 mortos no Perú
Os traballadores dun xacemento de ouro en Arequipa, no sur do país, faleceron por asfixia tras un curtocircuíto
O Goberno do Perú confirmou este domingo que 27 persoas morreron no incendio dunha mina producido este sábado na rexión de Arequipa, no sur.
"Expresamos as nosas condolencias aos familiares e ao pobo de Arequipa pola morte dos 27 mineiros, feito ocorrido no sector de Yanaquihua, provincia de Condesuyos en Arequipa", indicou en Twitter a Presidencia.
Agregou que os Ministerios do Interior e Defensa "traballan desde o inicio desta traxedia no rescate e traslado dos corpos" na mina Yanaquihua "Esperanza I", onde a madrugada deste sábado un curtocircuíto provocou o incendio, segundo o dono do xacemento.
A noite do sábado, as autoridades informaron sobre este incendio ocorrido a primeiras horas da madrugada na mina Yanaquihua e sinalaron que había 27 traballadores desaparecidos.
Foi o propio dono da mina quen se desprazou ata as dependencias policiais para informar do ocorrido e pedir axuda, e inmediatamente varias ambulancias e persoal sanitario e de rescates viaxaron á mina, que se atopa nunha zona illada.