Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un veciño de Touro, ferido por un disparo no abdome cunha pistola de perno cativo

Un veciño de Touro, ferido por un disparo no abdome cunha pistola de perno cativo

O home quedou consciente, pero con moita dor, e segue ingresado, fóra de perigo

Son as pistolas que se usan para adormecer os porcos antes da matanza

G24.gal 08/05/2025 14:41

Tremendo susto en Touro. Un veciño de 67 anos resultou ferido no abdome cunha pistola de perno cativo, as que se usan para adormecer os porcos antes de matalos. Estaba no baixo da casa, cando se lle disparou.

Escoitouse un golpe seco e forte, e o home caeu dobrado sobre si mesmo no garaxe da casa.

"Acabaron de comer e a súa afección é andar con ferros, andar co tractor, soldar, ..., e ía limpala ou facer calquera parvada e, sen querer, disparóuselle", explica a filla do ferido.

Andaba fedellando, como facía sempre, coas súas cousas. A esa hora deulle pola pistola de perno cativo, que gardaba na casa de cando facían matanza. 

"De feito, estaba oxidada", incide a moza.

"Tiña un impacto de perno cativo. Son as que se usan para atordar os animais cando se sacrifican", relata Manuel Rodríguez, voluntario de Protección Civil.

O disparo deulle de cheo no abdome. Non se entende que puido pasar sabendo como funcionan estas pistolas, para as que, por certo, non é preciso ningún tipo de permiso.

"No momento que tiras por isto para atrás, a pistola queda cargada. Hai que apertar o gatillo. Mentres non tiras, a pistola non dispara. Este é o cacho que sae, o que se incrusta na carne ou no óso. É un atordador para sacar sufrimento ao animal", aclara José Manuel Brea, matachín. 

O home estivo en todo momento consciente. Iso si, con moita dor. 

"Fai dano se o tes pegado. Son dous centímetros dunha vara de aceiro inoxidable que se o pegas, entra. Faille catro centímetros do diámetro da vara que se incrusta e fai dano. Dependendo da parte do corpo, fai máis dano ou menos, e moita dor", engade Brea, tamén carniceiro. 

O helicóptero do 112 trasladouno ao hospital, onde segue ingresado, pero fóra de perigo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade