Cáelles formigón por enriba a unhas mozas que estaban na terraza dun bar de Santiago
Caeu dun edificio en obras próximo ao bar e dende unha altura aproximada duns 20 metros
A afectada mancouse en varias zonas do corpo e tivo que tirar con toda a roupa que levaba posta
Todo era tranquilidade nun coñecido bar de Santiago, próximo á praza Roxa. Dúas mozas estaban tomando algo na terraza e, de pronto, sentiron algo que lles viña enriba.
"Notei unha avalancha de cemento. Tiroume da cadeira e o primeiro que fixen foi ver á miña amiga e preguntar que estaba pasando. Quedei encharcada, fatal. Había cemento por todos os lados, ata nas bebidas", comenta Laura Barral, a afectada.
O formigón caeu dende un edificio en obras a unha altura aproximada duns 20 metros. Coa forza, tirouna ao chan, o que fixo que se mancara en varias zonas do corpo. Tamén tivo que tirar con toda a roupa que levaba posta.
Pero que foi o que máis lle molestou?
"Os obreiros nin se achegaron. O único que fixeron foi limpar a terraza, pero non se achegaron a xunto nosa para preguntar se estabamos ben. Eu atopei pedras de cemento na roupa. Iso pode chegar a caerme na cabeza e non o conto", asegura Laura.
Dende o bar preocupáronse pola afectada, pero comentan que foi unha situación fortuíta e desafortunada.
Segundo nos contan, os labores de limpeza estendéronse ata pasadas as 24:00 h e obrigaron a cortar algunha das rúas.