Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comer na praia: un pracer con risco de intoxicación

Comer na praia: un pracer con risco de intoxicación

A calor favorece a proliferación de bacterias e microorganismos 

Cómpre levar neveira, evitar alimentos crus e levar a froita sen cortar

G24.gal 27/06/2025 14:56

Poucas cousas nos prestan máis ca comer na praia: "É unha marabilla, baño, sesta e comer a tortilliña ou o bacallau do tupper".

Pero ás bacterias e aos microorganismos gústalles a calor tanto como a nós. Por iso a neveira portátil é a mellor aliada en banquetes ao aire libre. É recomendable deixar os alimentos na sombra e comer o antes posible. O mellor é elixir pratos cociñados con temperatura, como a empanada.

"Sae do forno, e xa a envasas ti directamente tal cal, e aí non debería medrar nada porque os patóxenos morreron co cociñado", explica Carlos Franco, catedrático de Hixiene e Inspección dos alimentos da USC

Para evitar a temida salmonelose haberá que extremar a precaución cos ovos crus e as salsas. "Se fas ti a maionesa e a deixas a temperatura ambiente moito tempo é potencialmente perigoso", engade Carlos Franco. "A tortilla da praia hai que traela moi pasada, non deixar o ovo cru".

Canto ás froitas e verduras, o consello é levalas enteiras e cortalas no momento da comida.

Tampouco levan ben a excesiva calor os lácteos, os friames nin o polo empanado. Se non podemos refrixeralos, sempre nos quedan as conservas, os froitos secos ou o bar de praia.

Un último apuntamento, se sobra comida que pasou todo o día ao sol, non leven os restos para a casa. Non teñen por que ter mal aspecto para estaren estragados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade