Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así teñen que ser xa os envases alimentarios: máis reciclaxe e menos residuos e tóxicos

Así teñen que ser xa os envases alimentarios: máis reciclaxe e menos residuos e tóxicos

A nova normativa da UE é de obrigado cumprimento desde este mércores 

(EFE/Mariscal) (EFE/Mariscal)
G24.gal 10/08/2026 11:06

Este mércores é a data límite. As empresas deben aplicar xa o novo regulamento de envases da Unión Europea (UE), unha normativa que pretende impulsar a reutilización, reducir os residuos e avanzar cara a unha economía circular.

No ámbito da alimentación e das bebidas, a norma supón un importante cambio ao introducir novos requisitos de deseño, reciclaxe e reutilización, ademais de restrinxir determinadas substancias consideradas preocupantes para a saúde.

O Regulamento de Envases e Residuos de Envases entrou en vigor en febreiro de 2025, pero este mércores remata o prazo de adaptación para as empresas.

A normativa establece criterios comúns en toda a UE e introduce medidas para fomentar o recheo e a reciclaxe, así como sistemas de envases retornables. Tamén limita os formatos de embalaxe innecesarios ou excesivos, incluídos os utilizados no comercio electrónico, e o espazo baleiro nos paquetes.

As novas obrigas afectan produtores, fabricantes, importadores e distribuidores. Entre as principais novidades está a esixencia de que os envases sexan reciclables e se clasifiquen en tres niveis de calidade: A, cando polo menos o 95 % dos seus materiais son reciclables; B, entre o 80 % e o 95 %; e C, entre o 70 % e o 80 %. As tarifas asociadas aos envases dependerán tamén do seu nivel de reciclabilidade.

O regulamento introduce igualmente restricións para determinados envases de plástico dun só uso, como os destinados a froitas e verduras frescas de menos de 1,5 quilogramos, e establece novas regras de deseño. Ademais, ningún envase poderá comercializarse sen unha declaración de conformidade da UE que certifique que cumpre os requisitos da normativa.

Un dos cambios que máis afecta a alimentación, a restauración e a venda de produtos frescos é a limitación das substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas (PFAS). Desde o 12 de agosto non se poderán introducir no mercado envases en contacto con alimentos que conteñan determinadas concentracións destas substancias. A medida afecta, entre outros, a vasos de papel con recubrimentos fluorados, caixas de pizza e envases utilizados para comida para levar.

A normativa fixa tamén varios prazos para os próximos anos. En 2028, todos os envases deberán ofrecer información clara sobre os materiais empregados e a porcentaxe de material reciclado. No caso dos envases reutilizables, deberán incorporar un sistema de información, como un código QR, que explique como devolvelos.

Para os envases en contacto con alimentos tamén se establecen porcentaxes mínimas de plástico reciclado: no PET será do 30 % en 2030 e noutros plásticos do 10 %, cifras que aumentarán progresivamente ata 2040. Ese mesmo ano quedará prohibido o uso de monodoses de plástico dun só uso na hostalaría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade