Comeza na Coruña o Trofeo Presidente da Xunta de vela
A competición constará de cinco etapas. Comezará na Coruña e terá probas en Ares, Portosín, Baiona e Sanxenxo.
Presentouse na Coruña unha nova edición do Trofeo Presidente da Xunta de vela, que contará con 60 embarcacións e situará a Galicia como escenario ideal para acoller probas deportivas de alto nivel. Ao acto acudiu o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, canda o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, e representantes do Real Club Náutico da Coruña.
O Trofeo Presidente da Xunta naceu no ano 2001 e recoñece os mellores do Circuíto Galego de Alto Nivel nas categorías ORC e J80. O premio consiste nunha representación do botafumeiro. A competición comeza esta mesma semana coa regata da Coruña, e irá a Ares (12-13 de xullo), pasará por Portosín (23-24 de agosto), seguirá en Baiona (5-7 de setembro) e rematará en Sanxenxo (12-14 de setembro).