Támara Echegoyen fai historia na primeira volta ao mundo con tripulación 100 % feminina
A regatista olímpica galega forma parte da tripulación de The Famous Project CIC, o primeiro equipo integramente feminino que completa unha circunnavegación do planeta sen escalas a bordo dun maxitrimarán
Támara: “Creo que pode haber un equipo español de volta ao mundo e gustaríame lideralo”
A Támara Echegoyen gústanlle os desafíos. Se ademais teñen que ver con abrir camiño a outras mulleres no mundo da vela, mellor aínda. Xa o fixo a bordo do MAPFRE na Volvo Ocean Race 2017-2018, converténdose na primeira española en dar a volta ao mundo nesta regata oceánica.
Agora volve escribir o seu nome na historia formando parte da primeira tripulación integramente feminina que deu a volta ao mundo sen escalas nin asistencia, o coñecido como Trofeo Julio Verne.
Polifacética, ambiciosa e cunha sólida base técnica, Támara demostrou nesta volta ao mundo a súa capacidade para render en condicións extremas, achegando experiencia, liderado e fortaleza física a un equipo de elite. Tras esta histórica circunnavegación, o horizonte de Támara Echegoyen segue apuntando alto. Actualmente adéstrase en equipos internacionais coa vista posta en novos récords oceánicos, sen descartar futuros proxectos de volta ao mundo.
A regatista galega tamén mostrou o seu entusiasmo polo regreso de grandes probas oceánicas a España, como a New York-Barcelona anunciada por The Ocean Race para 2026, e non esconde a súa ambición.
“Creo que pode haber un equipo español de volta ao mundo e gustaríame lideralo”