Empate de moito mérito do Liceo ante o Spórting (4-4), que achega os de Copa á final a oito
Os de Juan Copa igualan en Lisboa logo dun gran primeiro tempo
Os portugueses empataron a dous minutos do final
O conxunto colexial viaxou sen Bruno Saavedra (sancionado), sen Toni Pérez (lesionado) e sen o seu capitán, Dava Torres, afectado dunhas molestias musculares que xa o apartaron da pista fronte ao Reus no último partido da OK Liga. O canteirán Jaime Méndez ocupou o seu lugar na convocatoria para facilitar a rotación.
Malia as baixas, os homes de Juan Copa sorprenderon xa na primeira parte cun triunfo por 2-4. Marcou por partida dobre Francisco Torres. Jacobo Copa fixo o 1-3 e Arnau Xaus o 2-4
Na segunda parte os lisboetas saíron a por todas e lograron reducir distancia cun gol de Danilo Rampulla. Non puideron aguantar os liceístas, xa que a dous minutos para o final empatou Verona. Así acabou o encontro. Empate dos de Copa que lles permite soñar coa final a oito.
Quedan dúas xornadas europeas, o equipo coruñés medirase co Barcelos (26 de marzo) en Riazor e co Oliveirense (16 de abril) en Oliveira de Azeméis.
No campionato doméstico, o primeiro compromiso será a visita á pista do Calafell, nun encontro correspondente á xornada 18 da OK Liga. Despois, o Liceo regresará ao Palacio dos Deportes de Riazor para recibir o Sant Just. O mes continuará cun duelo na casa ante o Igualada e unha saída complicada á pista do Reus, antes de volver exercer de local fronte ao Noia.