Publicador de contidos

Publicador de contidos

O verán quenta os pequenos furtos: cal é o produto máis roubado en Galicia?

O verán quenta os pequenos furtos: cal é o produto máis roubado en Galicia?

Os roubos de pouco valor son uns dos delitos que menos se esclarecen, só un de cada cinco

O artigo preferido polos ladróns en España son as cremas para o sol

G24.gal 27/06/2025 14:50

Os furtos son, tamén, para o verán. Segundo os datos dunha empresa de seguridade especializada no sector retallista, o ritmo das estacións condiciona este tipo de delincuencia: as cremas solares, os preservativos e as bebidas alcohólicas son os produtos que máis se rouban nesta época do ano en España, pero hai particularidades por comunidades autónomas. En Galicia, o artigo que máis se furta son as conservas. Moitos son furtos tan pequenos, en todos os sentidos, que ao final non compensa denunciar

"O que máis nos rouban son cousas pequeniñas como os dedais ou os imáns, as cousas que lles é máis doado meter no peto ou no bolso", explica María Rodríguez, propietaria do histórico bazar Guay, en plenas escaleiras da Pedra de Vigo.

As estatísticas do Ministerio do Interior din que os furtos levan anos baixando en España, se ben houbo unha repunta trala pandemia. Ademais, o verán eleva outro tipo de delitos, marchar sen pagar dos locais de hostalaría. Hai quen se levanta da mesa aproveitando que os traballadores están ocupados ou quen, botándolle papo, di que non ten cartos para liquidar a conta.

"Temos un grupo onde imos colgando as fotos e avisamos: mira, este estivo aquí e marchou sen pagar. E xa os temos medianamente controlados", conta Ángeles Prieto, de La Quesería de Vigo e directiva da Asociación de Hostaleiros do Casco Vello.

Os furtos son unha das clases de delitos que menos se resolven. En 2023, contabilizáronse 665.000 furtos pero só 133.000 resultaron esclarecidos. E hai ladróns case imposibles de atrapar.

"Aparecía unha gaivota que se pousaba enfronte da tenda e levaba os dedais ou as cunchiñas ou as estrelas de mar", relata Carolina Rodríguez, de Regalos La Piedra. "As gaivotas tamén son unhas rateiras", conclúe con retranca.

As diferenzas por territorios son curiosas. Conforme ao informe da empresa de seguridade Chekpoint Systems, en Madrid, no verán, o produto preferido polos ladróns son os xeados; en Murcia, as chanquetas; e nas Canarias, os preservativos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade