Aumentan os roubos de bicicletas e patinetes aos repartidores de Santiago
Os repartidores aseguran que lles rouban o seu medio de vida
Xa son oito as denuncias destes sobre roubos de bicicletas ou patinetes eléctricos nos últimos dous meses
Os coñecidos como riders levan xa un tempo denunciando que lles rouban as bicicletas e os patinetes eléctricos, pero nos últimos dous meses estes delitos intensificáronse.
Estean no aparcadoiro ou na rúa, con cadeado ou sen cadeado…, son roubos rápidos e premeditados, nos que nada lles impide levar esta clase de vehículos.
Quitáronlles o seu medio de transporte e sustento e, algúns, que aínda seguen pagando a bicicleta que lles roubaron, víronse na obriga de alugar outra para seguir traballando.
"A que me roubaron estábaa pagando, comprándoa para min. Faltaban sete meses por pagar. Sígoo pagando e tiven que alugar agora outra. Entón, súmaseme agora de gasto mensual unha segunda bicicleta", comenta unha das vítimas.
Os traballadores aseguran que saben quen son os ladróns e onde están os vehículos roubados. Din que fan negocio con eles e que os venden a un prezo esaxeradamente baixo, polo que se pode intuír de onde veñen.
"Unha das bicicletas roubadas tiña GPS. Sábese onde está, díxoselle á Policía, sábese quen a ten", afirma un repartidor.
"Publicárona nun grupo no que se están vendendo bicicletas eléctricas por un prezo que valen soamente as pinas", conta outro dos repartidores.
Con todo, aseguran que non se senten apoiados pola policía.